O BNG de Ribadeo denuncia a perda da subvención para a reforma da rúa Reinante

AMariñaXa
O portavoz nacionalista Pablo Vizoso critica a “incapacidade de xestión” do goberno local e lamenta que non haxa nin obras nin fondos
BNG-Ribadeo-2025
19 Sep 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Ribadeo advertiu da perda da subvención prevista para a mellora da rúa Reinante. O portavoz municipal, Pablo Vizoso, lembrou que a comezos de abril o Concello anunciara o inicio das obras de acondicionamento en virtude dun convenio asinado polo anterior executivo do BNG, mais “chegados a mediados de setembro seguimos sen noticias da súa execución”.

Segundo explicou Vizoso, o prazo inicial de dous meses e medio xa rematara hai tempo: “Van máis de cinco meses e a realidade é que non se fixo nada”. O edil indicou que estas actuacións estaban incluídas no convenio do ARI, acordado coa Consellería de Vivenda e co Ministerio de Axenda Urbana a través do Plan Estatal de Vivenda de 2021.

O compromiso establecía que as obras de urbanización debían levarse a cabo unha vez que os propietarios particulares realizasen tamén as melloras subvencionadas. A data límite fixárase no 1 de abril, aínda que posteriormente fora ampliada até o 30 de xuño.

Vizoso sinalou que a consecuencia foi clara: “O Concello perdeu a achega de 36.000 euros do Ministerio e viuse obrigado a renunciar ás obras, por non poder xestionalas nin cubrir a parte económica que lle correspondía. Esta é a proba da desastrosa situación financeira á que nos levou o actual goberno do PP”.

O portavoz concluíu con dureza: “O resultado é evidente: nin obras, nin cartos, e unha vez máis a veciñanza de Ribadeo queda sen unha mellora necesaria”.

⚙ Configurar cookies
0.071400165557861