O BNG de Ribadeo denuncia a falta de investimentos no municipio

AMariñaXa
Dende o Grupo Municipal Popular aseguran que queda moito por facer e que irán pouco a pouco investindo
concello-de-Ribadeo-vista-2
9 Out 2024

O goberno municipal de Ribadeo, encabezado por Daniel Vega, está a ser obxecto de duras críticas por parte da oposición, que denuncia un esgotamento prematuro da súa xestión e a falta de transparencia nas súas contas. Segundo o BNG, no primeiro semestre de 2024, apenas se licitaron 365.000 euros en obra pública, moi lonxe dos 2.000.000 euros de 2022 e os 3.000.000 euros de 2023, cando gobernaban os nacionalistas.

Ademais, salientan que as obras de reforma do Hospital Asilo avanzan a un ritmo extremadamente lento, o que prolonga o retorno dos maiores ás súas instalacións habituais. Mentres tanto, o alcalde é acusado de aproveitar calquera escusa para presumir das súas relacións persoais, pero de ofrecer poucas solucións aos problemas da cidadanía. Outro foco de críticas é a xestión económica do Concello. A oposición cuestiona o uso de remanentes para gasto corrente en lugar de investimentos produtivos, e destaca a diminución do investimento en 2024, algo que atribúen ao mal uso dos recursos municipais.

Solicitan, ademais, maior transparencia nas contas e sinalan que o alcalde se nega a proporcionar información clara sobre ingresos e gastos, o que incrementa as sospeitas sobre a súa xestión. En relación á atención sanitaria, denuncian que a situación segue sendo deficiente e que, a pesar das reclamacións do alcalde sobre melloras para o centro de saúde, os avances son escasos. A sensación de esgotamento e falta de planificación, a xuízo da oposición, está a marcar o que consideran un mandato marcado pola falta de acción en infraestruturas e a xestión ineficiente dos recursos.

Pola súa parte, dende o equipo de Goberno aseguran que "non pode ser que hai un ano e pouco estiveran as pistas e estradas sen fochancas e de repente saíran todas xuntas". Engaden tamén que "cada día aparece unha cousa nova que arranxar, pero o problema non é deste último ano. O problema son dezaseis anos de deixadez e de abandono. O problema xa o dixemos nós e o repetimos durante a última lexislatura. O problema é unha falta de planificación absoluta durante dezaseis anos". Os populares din queda moito por facer e que irán pouco a pouco investindo. "Co Plan Avanza Rural investiranse 685.000 euros ne estrada da costa e nas estradas do interior. En todo o concello, e non só nas pistas aglomeradas, senón tamén en pistas de terra que dende a concentración parcelaria non volveron mirar para elas".

0.15522599220276