O BNG de Ribadeo demanda un apoio económico total para a reforma do Hospital asilo
Desde o BNG de Ribadeo consideran insuficiente o anuncio feito pola Xunta de Galicia a respecto do convenio sobre a reforma integral do hospital asilo. Felicitan ao pobo de Ribadeo por termos conseguido entre todos e todas esa achega de 700.000 euros, pero aseguran que non satisfai o 100 % da obra, cousa que si vai ocorrer en concellos veciños. E polo que se refire ao grado de execución da obra, a 1 de xullo tan só ía executado o 6 %.
Dende o primeiro momento, por parte do BNG demanda de forma reiterada e en diferentes instancias que a Xunta apoiase decididamente esta obra. Pero, outra vez máis, recoméndanlle ao alcalde que abandone esa actitude triunfalista queamosa nas súas declaracións porque aínda queda moito por facer. “O anuncio desta inversión por parte da Xunta deberíase ter producido hai anos, desde o momento en que se viu que era necesario acometer esa importante obra. Xa nada achegou cando a residencia de maiores. Menos mal que se decide a botar unha man nesta ocasión”.
Lembran que non se pode esquecer que a función asistencial que estas instalacións prestan é competencia exclusiva da Xunta de Galicia, por moito que o inmoble sexa de titularidade municipal. Precisamente en base a iso demandan que a achega da Xunta non se limite a unha cantidade que nin sequera cubre a metade da inversión total e pensan que o Goberno autonómico debería achegar o total da inversión de dita reforma, “como así está facendo con outros concellos próximos a Ribadeo aos que lles vai financiar o 100 % das obras, tal é o caso de Riotorto ou Abadín”.
Lembran que para poñer en servizo o Hospital Asilo, ademais da súa reconstrución vai ser necesaria unha importante inversión en mobiliario e equipamento específico para que se poida realizar a súa función de atención e asistencia ás persoas usuarias. “E para iso, ou tamén para o funcionamento diario, podería empregarse a doazón do Dr. Moreda como benfeitor, sempre que a administración competente, é dicir, a Xunta de Galicia, investise o 100% do custe total das obras”.
Por outra banda, pensan que é unha mágoa que este anuncio do convenio chegue agora e non hai ano e medio, “porque facelo naquel momento tería evitado moito traballo en solitario por parte do Concello de Ribadeo ante a escandalosa ausencia da Xunta durante todo este tempo”. Ademais, tería evitado tamén que, por parte do Concello, no ano 2023, se tivese que concertar un préstamo para a reconstrución do hospital asilo podendo destinar todos eses recursos a atender outras áreas municipais, aseguran.
Os nacionalistas consideran que se trataba dun servizo fundamental para as veciñas e veciños e puxeron todos os recursos posibles en conseguir o obxectivo: dispoñer de dous centros cunha atención excelente para os nosos
maiores, coa axuda ou sen a axuda de quen está obrigada a colaborar: a Xunta. “E deixamos feita e en funcionamento a nova residencia, o Centro de Atención a Maiores, cun sistema de funcionamento exemplar, e financiadas e adxudicadas as obras do Hospital-Asilo”.
Outro capítulo non menos importante é o da evolución e o estado actual das obras. “Segundo a certificación do propio Concello, no mes de xullo tan só ía executado o 6 % do total das obras; máis dun ano despois da súa adxudicación por un prazo de 18 meses. Isto significa, nin máis nin menos, que as obras acumulan un enorme retraso con todas as consecuencias negativas que iso implica para Ribadeo e para as persoas necesitadas dunha praza para a súa atención”. Cada día que pasa, cada retraso que se acumula, implica unha maior espera por parte das persoas maiores que están lonxe das súas familias por non poderen regresar á súa