O BNG de Ribadeo demanda a obriga de depósito de fianza para empresas madeireiras

AMariñaXa
Presenta unha moción para modificar a ordenanza reguladora de uso especial de vías públicas
ribadeo-bng
1 Nov 2024

O BNG de Ribadeo vén de presentar unha moción para modificar a ordenanza reguladora do uso e aproveitamento especial de vías públicas e espazos de titularidade municipal e volver a introducir a obriga de depósito de fianza para todas as empresas madeireiras que soliciten permisos de corta.

A finais de xaneiro o goberno do PP modificou esta ordenanza eliminando a garantía que se establecera no ano 2013. Hai pouco máis dun mes, o alcalde viuse obrigado, por primeira vez na historia, a prohibir os permisos de cortas e sacas de madeira dos montes ante o pésimo estado das pistas forestais.

O voceiro nacionalista, Pablo Vizoso: “En xaneiro advertimos de que quitar ferramentas de protección para a veciñanza traería graves consecuencias, en só 8 meses o tempo deunos a razón. Naquel momento votamos en contra de eliminar unha ferramenta que se demostrara últimos dez anos que estivo en funcionamento. Cando algunha pista quedaba sen arranxar bastaba con apercibir a empresa que realizara a corta e saca e esta arranxaba a vía sen dilacións. Nunca se tivo que chegar a executar unha fianza e inda menos prohibir totalmente as cortas en todo o concello. Era un elemento disuasorio que funcionaba. O goberno decidiu eliminar esta ferramenta, non sabemos por que razón ou interese, sen facer caso das nosas advertencias”.

Vizoso engadiu: “Unha vez que se demostrou que o novo sistema é un fracaso, chegando ao punto de ter que paralizar os permisos en todos os montes do ámbito municipal, desde este grupo municipal consideramos que é tempo de deixarse de experimentos e volver ao sistema antigo e reintroducir a obriga de depósito de fianza. Para iso presentamos esta moción. Protexer á veciñanza é o máis importante.”

0.20442605018616