O BNG de Ribadeo critica que o Goberno municipal volva solicitar un novo crédito

AMariñaXa
Esta cantidade súmase aos outros dous solicitados na primeira parte do ano por importe de 107.000 euros e 300.000 euros respectivamente
Vicente-Castro-BNG-Ribadeo
21 sep 2024

O BNG ribadense critica que o Goberno municipal volva solicitar un novo crédito, o terceiro deste ano 2024, por importe de 950.000 euros.

Esta cantidade súmase aos outros dous solicitados na primeira parte do ano por importe de 107.000 euros e 300.000 euros respectivamente. Isto suma un total de 1.357.000 euros en créditos en tan só 9 meses. "Unha situación que afonda no endebedamento severo dun concello que o goberno do PP recibiu totalmente saneado".

Segundo declarou o concelleiro nacionalista, Vicente Castro, “amortízanse 783.000 euros do crédito para a reforma do Hospital-Asilo, o cal é unha boa nova, pero a continuación pídese outro crédito de 950.000 euros, o cal nos parece unha completa irresponsabilidade. Estes cartos utilizaranse para poder facer fronte ao despilfarro continuo que leva realizando este goberno do PP desde hai ano e medio. Inda por riba, segundo lemos na prensa, intenta enganar a veciñanza falando, sen ningún tipo de pudor, de que se está reducindo a débeda. É ben curioso reducir débeda solicitando en 9 meses un total de 1.357.000 euros en créditos".

Castro engadiu tamén que "comezamos o ano co goberno do PP esgotando todos os remanentes que recibiron do anterior goberno do BNG e agora atopámonos con esta serie de créditos. Intentan enganar a veciñanza anunciando que se amortizan 783.000 euros, pero sen mencionar que se piden 1.357.000 euros en créditos. A conta é fácil: a débeda aumenta en 574.000 euros. Como leva denunciando este grupo municipal meses, todo este gasto sen control pode acabar por comprometer a viabilidade económica do Concello a curto e a medio prazo. Inversións sen realizar, asociacións que non cobren as subvencións etc. Urximos ao goberno municipal que non intente enganar os ribadenses e que volva á senda da responsabilidade financeira polo ben de todas e todos os veciños do noso concello", conclúen.

0.13231515884399