O BNG de Ribadeo critica que o alcalde "presuma do que outros lograron"
Desde o BNG de Ribadeo veñen de criticar que o alcalde, Dani Vega, "siga a presumir do que outros lograron e non sexa quen de anunciar ningún investimento por parte da Xunta en Ribadeo. Xa está ben, señor Vega, non presuma de que o Concello xestiona cousas que lograron os anteriores gobernos. Só faltaría que miraran para outro lado por non ser algo que conseguiran vostedes!".
Unha vez máis "asistimos ao lamentable espectáculo de ver como o señor Vega saca peito anunciando investimentos xestionados polo anterior goberno. Presumir de que o concello segue a xestionar cousas para Ribadeo é un brinde ao sol. É obvio que teñen que seguir tramitando o que comezaron outros antes. O que non é normal é poñerse medallas como se fose un quen consegue todo, ao mesmo tempo que o pobo segue sen ver ningún anuncio de novos investimentos para Ribadeo. Nos novos orzamentos da Xunta practicamente non se ve para nada o nome do noso concello", din os nacionalistas ribadenses.
"Mentres que vostede siga coas súas teimas presuntuosas, nós seguiremos a mostrar a nosa alternativa. Nesta semana ímonos achegar aos propietarios e propietarias do monte e expoñerémoslles como se pode xestionar a explotación da madeira de xeito ordenado e sen poñer en risco a tenza nin as vidas humanas. Temos o aval do feito no anterior mandato e queremos seguir mostrando como desenvolver unha política forestal racional", engadiron.