O BNG de Ribadeo critica o deterioro da limpeza urbana e a falta de contedores no municipio

O BNG de Ribadeo denunciou o “mal estado xeral da limpeza” nas rúas e parroquias do municipio, asegurando que a vila “está a ofrecer unha imaxe moi negativa tanto para a veciñanza como para quen nos visita”. A formación sinala que os contedores de lixo presentan un grave deterioro, con moitos deles sen tapa e sen limpeza regular, o que provoca malos olores e filtracións nas beirarrúas.
Segundo explican desde o grupo nacionalista, moitos colectores foron retirados ou cambiados de lugar de forma arbitraria, reducindo de maneira evidente o número dispoñible. “Ribadeo conta agora con menos puntos de recollida e isto está a causar situacións tan insólitas como ver lixo acumulado no Camiño de Santiago, na parroquia de Ove, onde os contedores desapareceron hai semanas”, apuntan.
O BNG tamén critica que noutros puntos do municipio, como a baixada cara a Mirasol, o espazo que antes ocupaban os colectores está agora cheo de restos abandonados, incluso de lápidas vellas, o que cualifican de “escenario vergonzoso e impropio dun concello turístico”.
A formación lembra que a ordenanza municipal de limpeza e xestión de residuos recolle normas claras sobre a colocación de carteis e publicidade, pero, segundo denuncian, “o goberno do PP non garante o seu cumprimento”. “Despois de pintar muros privados para evitar carteis, agora empréganse os escaparates de locais pechados para facer publicidade, mentres os paneis municipais non serven porque non se pode pegar nada neles”, explican.
O BNG pon como exemplo o estado da Casa Maseda, cuxas cristaleiras “se enchen de carteis de todo tipo mentres os paneis continúan deteriorados desde hai meses sen que o goberno municipal actúe”.
Os nacionalistas consideran que o executivo local, encabezado por Daniel Vega, non pode seguir escudándose na afluencia turística do verán. “Chegamos a novembro e a situación non mellora. Xa non hai desculpas: nin visitantes, nin temporais, nin cambios de estación poden xustificar esta deixadez”, conclúen.
“É hora de actuar e de devolverlle a Ribadeo a limpeza, o coidado e a imaxe que merece”, engaden, reclamando un plan integral de mantemento e reposición de contedores, ademais dunha vixilancia efectiva sobre o cumprimento das ordenanzas municipais.