O BNG de Ribadeo critica as promesas incumpridas sobre o novo campo de herba artificial

Coincidindo co inicio dunha nova tempada de fútbol, o BNG de Ribadeo denunciou que as promesas do goberno municipal do PP sobre a construción dun novo campo de herba artificial continúan sen cumprirse, a pesar da súa necesidade crecente entre as familias e deportistas locais.
Segundo explicou Pablo Vizoso, voceiro do Bloque, “estes días comeza unha nova tempada e as pícaras e pícaros de Ribadeo seguen sen un campo de herba artificial para practicar un deporte cada vez máis seguido. No noso programa contemplábamos a construción do campo nos terreos anexos ao Pepe Barrera e, a finais do ano pasado, presentámos unha moción no pleno que foi aprobada para que se levase a cabo”.
Un ano despois, o goberno de Daniel Vega non conseguiu ofrecer solucións, deixando ás familias sen respostas claras. O BNG insiste en que a mellor opción segue sendo a proposta polo Bloque, tanto pola proximidade como pola flexibilidade que ofrece. “Pedímoslle ao goberno do PP que deixe o sectarismo e as promesas incumpridas, e que se poña a traballar en dar solucións reais e áxiles. Que pensen en todas as familias de Ribadeo que se verían beneficiadas por este proxecto tan necesario; a elas se deben e para elas traballan. Xa non é tempo de promesas; é tempo de actuar”, subliñou Vizoso.