O BNG de Ribadeo critica a xestión municipal das subvencións europeas

AMariñaXa
O grupo nacionalista cuestiona que o goberno local se atribúa o mérito dunha axuda iniciada polo anterior executivo e lembra a perda doutro financiamento pola falta de fondos municipais.
BNG-Pablo-Vizoso-Ribadeo-2023
26 Mar 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Ribadeo denuncia a actitude do actual goberno municipal con respecto ás subvencións europeas, acusándoo de apropiarse do traballo iniciado polo anterior executivo na obtención dunha axuda da Unión Europea para a adquisición de terreos no marco do Plan Especial das Catedrais.

Segundo explican desde o BNG, esta subvención foi solicitada xa no anterior mandato, a través de diferentes propostas presentadas nos anos 2021 e 2022, que, a pesar de obter boas valoracións, non acadaron financiamento. Non obstante, o equipo de goberno daquela continuou traballando na iniciativa ata conseguir presentar unha nova solicitude antes do final do seu período de xestión. O obxectivo deste proxecto é a compra de 25 parcelas, que suman unhas catorce hectáreas nas parroquias da Devesa, Rinlo e Vilaframil, co fin de restaurar os hábitats costeiros de flora autóctona.

Agora, tras confirmarse a concesión da axuda, o BNG critica que o actual alcalde, Daniel Vega, se atribúa o mérito da subvención, asegurando que é froito da súa xestión. “Menos mal que continuaron co labor iniciado polo anterior goberno, pero querer facer ver que todo é mérito seu, ignorando o que está recollido no expediente, non é nin honesto nin xusto”, afirman desde a formación nacionalista.

Os nacionalistas tamén lembran que este episodio contrasta coa recente perda dunha subvención para a reforma do parque dos Indianos, debido a que o Concello non tiña fondos suficientes para cubrir a parte comprometida no convenio coa Xunta de Galicia. “Hai que ter ben pouca vergoña para presumir dunha subvención cando uns días antes recoñeceron que perderan outra por non dispoñer de financiamento municipal”, denuncian desde o BNG.

Finalmente, desde o grupo nacionalista esixen transparencia ao goberno local e critican que Vega anunciase un novo convenio para financiar o parque dos Indianos sen presentar ningún documento oficial que o avale.

⚙ Configurar cookies
0.14707112312317