O BNG de Ribadeo critica a xestión de Daniel Vega na corta de árbores

AMariñaXa
Acusan ao alcalde de manipular a información e de actuar sen transparencia
BNG-Ribadeo-pleno-febreiro-extraordinario
5 Feb 2025

O BNG de Ribadeo cargou contra a xestión do alcalde Daniel Vega en relación á corta indiscriminada de árbores no municipio. Segundo a formación nacionalista, Vega tentou evitar recoñecer o erro cometido recorrendo á manipulación e á tergiversación da información. Denuncian que o rexedor buscou desviar a atención culpando ao anterior goberno municipal de deixar Ribadeo sen árbores.

Un dos puntos máis criticados polo BNG foi a referencia de Vega á directora do colexio Gregorio Sanz, quen, segundo o alcalde, solicitara a poda e corta das árbores. Porén, desde o centro educativo desmentiron esta afirmación, enviando unha comunicación directa ás familias na que aclaran que nunca se demandou unha actuación desta magnitude. Ademais, o BNG recalca que os traballos de corta e poda realizáronse en horario escolar, sen medidas adecuadas de seguridade.

Outro foco de polémica foi a situación do parque de San Francisco. O BNG asegura que Vega busca executar unha reforma integral que implicaría a tala de árbores centenarias. Durante o último pleno, os nacionalistas recordaron unhas declaracións do alcalde nun programa de radio onde afirmaba querer unha reforma do parque que permitise ver a Casa do Concello desde a rúa San Francisco. Segundo o BNG, Vega negou posteriormente esas afirmacións, malia que foron recollidas nos medios de comunicación e escoitadas pola cidadanía.

Ademais, denunciaron que o alcalde lamentou públicamente que os camións dunha orquestra non puidesen acceder ao Cantón, así como a súa defensa da reforma da praza de Pancho Maseda, que tamén incluía a corta de árbores. O BNG advertiu que este tema deberá ser debatido en profundidade nos próximos meses.

Para os nacionalistas, Vega quedou atrapado nas súa propias contradicións e mentiras, evidenciando unha falta de transparencia na xestión das zonas verdes do municipio. O BNG insta ao goberno local a aclarar cales son os seus plans reais para os espazos naturais de Ribadeo e a escoitar a opinión da veciñanza antes de tomar decisións que poidan afectar de maneira irreversible o patrimonio arbóreo do concello.

0.1441171169281