O BNG de Ribadeo critica a demora no arranxo das portas da Praza de Abastos

AMariñaXa
O grupo nacionalista considera “inadmisible” que se tardasen oito meses en solucionar unha avaría que afectou a praceiras, praceiros e clientes
Ribadeo-BNG-queixa-praza-abastos
15 Jan 2026

O Grupo Municipal do BNG de Ribadeo vén de facer público un artigo de opinión no que amosa o seu malestar pola tardanza do Concello en reparar as portas automáticas da Praza de Abastos municipal. Segundo denuncian os nacionalistas, foron necesarios oito meses para solucionar unha avaría que, durante todo ese tempo, prexudicou tanto ás persoas que traballan a diario no mercado como á veciñanza que acode habitualmente a facer a compra.

Desde o BNG lembran que, ao longo destes meses, as demandas para arranxar as portas foron constantes por parte das praceiras e praceiros, así como das persoas usuarias do recinto, sen que desde o goberno municipal se adoptase ningunha medida. Sinalan que nin sequera as condicións climatolóxicas adversas, con frío e vento no interior dun edificio emblemático para a vila, foron motivo suficiente para actuar con maior dilixencia.

O grupo nacionalista considera especialmente chamativo que a reparación non se producise ata a chegada do novo ano e, con el, dun novo exercicio orzamentario. Ao seu xuízo, este feito pon de manifesto as dificultades económicas do Concello para facer fronte incluso a pequenas incidencias do día a día.

No seu escrito, o BNG critica con dureza a xestión do goberno local, asegurando que a situación vivida na Praza de Abastos é un reflexo da distancia entre o discurso político e a realidade. Para os nacionalistas, ou ben non existe vontade real de mellorar os servizos municipais ou ben faltan recursos económicos para atender necesidades básicas, malia a mensaxe triunfalista que, segundo indican, se traslada desde a Alcaldía.

⚙ Configurar cookies
0.075819969177246