Centos de persoas reclaman melloras na sanidade pública en Ribadeo

O BNG de Ribadeo chama á cidadanía a mobilizarse este sábado 22 de febreiro ás 12:00 horas cunha concentración diante do Centro de Saúde, para reclamar unha Atención Primaria digna e eficaz.
Entre as súas demandas, a formación nacionalista esixe que o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) cubra de inmediato as prazas de pediatría e matrona todos os días da semana, así como a praza de medicina de familia que está vacante desde a xubilación da anterior profesional en decembro de 2023. Tamén instan ao SERGAS a anticiparse e cubrir as prazas que quedarán vacantes por xubilación nos vindeiros meses.
A situación sanitaria en Ribadeo continúa a empeorar, segundo denuncia o BNG. A formación lembra que hai un ano xa solicitaron a cobertura total do servizo de pediatría mediante unha moción municipal e unha concentración veciñal, pero a resposta do SERGAS foi insuficiente. Hoxe en día, o servizo de pediatría apenas funciona un 50 % do tempo, xa que os profesionais que o cobren compatibilizan este traballo cunha xornada adicional, o que leva a demoras de ata catro días para conseguir unha cita, cancelacións de revisións e cambios constantes de axenda.
"O servizo de matrona atópase nunha situación similar. A profesional está de baixa temporal, e o centro só dispón dunha substituta un día á semana, deixando sen cobertura servizos esenciais para a saúde maternoinfantil, sexual e reprodutiva das mulleres", sinalan. O BNG cuestiona "se estas son as políticas da Xunta para fomentar a natalidade".
Ademais, a vacante en medicina de familia desde decembro de 2023 obriga a que os pacientes deste cupo sexan derivados a outros facultativos, dificultando o seguimento médico axeitado. "A situación podería agravarse nos próximos meses, xa que dúas doutoras do centro están en prórroga voluntaria da súa xubilación, mentres que outras dúas teñen previsto retirarse ao longo de 2025", indican.
O BNG advirte de que o deterioro da Atención Primaria en Ribadeo non é casualidade, senón o resultado da falta de planificación e compromiso do SERGAS. Por este motivo, fai un chamamento á veciñanza para sumarse á concentración e esixir unha sanidade pública de calidade e proximidade.