O BNG de Ribadeo apoia a repulsa á tala indiscriminada no CEIP Gregorio Sanz
O BNG de Ribadeo quere mostrar todo o seu apoio a aquelas persoas que mostraron a súa repulsa á tala "indiscriminada, improcedente, caprichosa, case clandestina e totalmente antiecolóxica", de moitas das árbores do CEIP Gregorio Sanz. Desde o partido expresan: "Teñen vostedes toda a razón do mundo ao amosar a súa repulsa: non podemos consentir que por capricho de alguén se decida talar árbores para maior gusto das persoas que non valoran a natureza e soñan con encher de cemento os espazos públicos".
Sinalan: "Que o PP de Ribadeo, con ben pouco gusto, e raiando xa na chulería, se permita clasificar aos cidadáns e cidadás segundo lles conveña, non é admisíbel. Agora resulta que algunha mente iluminada vainos dicir quen é bo ou mal ribadense, quen pode e non pode opinar sobre este ou aquel tema. Din que só teñen dereito a falar da tala masiva de árbores no Gregorio Sanz, eles, que son quen realmente aman dito colexio. Porque, segundo eles, os demais non fomos a esa escola. Hai que estar ben enganado para atribuírse a potestade de determinar quen foi e quen non a este ou aquel colexio. Acaso controlan os censos até tal punto? De tanta información dispoñen? Ou é unha parvada, unha baballada de quen ten que asubiar cara a outro lado porque acaba de meter a zoca sen xeito nin traza".
Engaden: "Estaba tomada xa a decisión de modificar a estrutura do patio do Ceip Gregorio Sanz para enchelo de máis cemento? Sentiron vostedes a necesidade de xustificar mellor posteriormente a decisión tomada de antemán? Estaba todo amañado, señor alcalde? E despois son vostedes os que se andan a preguntar “a quen pretenden enganar”?"