O BNG de Ribadeo acusa ao PP de mentir sobre a colaboración da Deputación co Ribadeo Indiano

AMariñaXa
A formación nacionalista destaca o aumento da achega provincial e denuncia a actitude do goberno municipal
BNG-Pablo-Vizoso-Ribadeo-2023
22 Feb 2025

Ante as recentes declaracións do PP de Ribadeo, o BNG vese na obriga de aclarar a realidade sobre a colaboración da Deputación de Lugo co Ribadeo Indiano. Segundo informa a formación nacionalista, a achega económica para o evento aumentarase en 2025 de 20.000 euros a 23.000 euros, reafirmando así o compromiso da institución provincial coa celebración.

O BNG subliña que a colaboración canalízase a través dunha entidade seria e solvente como ACISA Ribadeo, e critica que o Goberno local do PP incumprise reiteradamente o convenio de colaboración, poñendo en risco o financiamento do evento por razóns de sectarismo político.

O voceiro do BNG de Ribadeo, Pablo Vizoso, afirmou que "a Deputación mostra a súa vontade de seguir contribuíndo á organización do Ribadeo Indiano, salvando a falta de colaboración institucional por parte do goberno municipal, empeñado en confrontar coa Deputación en todos os ámbitos por puro sectarismo político. Ribadeo parece ser o que menos lles importa".

Vizoso tamén pediu ao PP que "deixe de facer oposición á oposición con mentiras continuas" e celebrou o aumento da achega económica para o evento. Ademais, esixiu que a organización da edición de 2025 se faga con máis previsión e atención para evitar os problemas de falta de coordinación e descontrol rexistrados na última edición. "Sería bo para todos que se centren en gobernar e solucionar os problemas das ribadenses e dos ribadenses, porque esa debe ser sempre a prioridade", concluíu.

0.17135787010193