O BNG de Ribadeo acusa ao Goberno municipal de contraprogramar actos

AMariñaXa
“Xa poden traer a media dirección provincial e un cuarto de dirección galega, que nunca conseguirán facerlle sombra aos actos culturais que a sociedade ribadense demanda", sosteñen
concello-ribadeo3
29 May 2024

O BNG asistiu de novo a varios actos nos que deron a coñecer a cultura do concello, da comarca mariñá e tamén da comarca veciña do Eo-Navia, así como escritores e escritoras das letras galegas. Sosteñen que ao longo dos sucesivos mandatos demostraron a aposta polo nosa cultura como elemento dinamizador e catalizador da nosa sociedade e da nosa economía. Pero denuncian que asistiron ao “despropósito” do Goberno municipal de Ribadeo de contraprogramar os actos do concello cun acto “partidario tan arrogante como baldío”.

“Xa poden traer a media dirección provincial e un cuarto de dirección galega, que nunca conseguirán facerlle sombra aos actos culturais que a sociedade ribadense demanda e dos que participa activamente. Por moito que se quixese celebrar por todo o alto, como se nunca tal se vira, unha vitoria electoral, a veciñanza ribadense desexosa de cultura participou activamente nos actos programado”. Aseguran que os veciños agradeceron, coa súa presenza e as súas palabras de ánimo para as distintas persoas que os protagonizaron, as diferentes intervencións e actuacións.

Os nacionalistas pregúntanse como se pode ignorar a aquelas persoas que co seu esforzo enchen de son e vida os actos culturais e colaboran co Concello deixándoas sen felicitar e sen lles agradecer a súa colaboración. Tamén se queixan pola falta de asistencia do alcalde ao pregón e de que a concelleira de cultura “abandone ás presas dita inauguración sen apenas lle dar tempo a comezar a quen lía o pregón”.

Desde o BNG de Ribadeo queren transmitir o agradecemento a todas as persoas que dun ou doutro xeito participan na dinamización da vida deportiva, social e cultural sexan quen sexan. “E todas as persoas que colaboran desde o ámbito asociativo merecen o noso recoñecemento e gratitude. Ribadeo é un proxecto colectivo obra de todos e todas”.

0.17426705360413