O BNG de Ribadeo acusa ao goberno local de ocultar o deterioro das contas municipais

AMariñaXa
Vizoso critica as “mentiras desesperadas” do PP para xustificar o descenso dos aforros e o aumento das facturas pendentes en 2023 e 2024
Ribadeo-BNG-xuno-2025
4 Jun 2025

O grupo municipal do BNG en Ribadeo volveu cargar contra o equipo de goberno do Partido Popular tras facer públicos os datos da Conta Xeral dos anos 2023 e 2024, que segundo denuncian amosan “un deterioro alarmante das finanzas municipais”. Os nacionalistas lamentan que, en lugar de dar explicacións, o goberno local se dedique a “inventar cifras e intoxicar o debate público”.

O voceiro do Bloque, Pablo Vizoso, puxo o foco na evolución dos remanentes e das facturas sen pagar. “Estamos a falar dunha caída brutal dos aforros do Concello: pasamos de 1.661.441 euros no ano 2022 a tan só 224.753 euros no 2024. Son máis de 1,4 millóns de euros que desapareceron en só dous anos”, asegurou. En paralelo, as obrigas pendentes de pagamento disparáronse: “en 2022 había 269.783 euros en facturas sen pagar; no 2023 subiron a 636.627 euros e agora, no último exercicio, chegan aos 662.590”.

Desde o BNG consideran que os datos son incontestables e instan ao PP a “deixar de tentar distraer a atención cun relato interesado”. Vizoso foi rotundo: “Din que o dato mata o relato, e neste caso é evidente. Estamos a amosar cifras asinadas polo propio alcalde, extraídas directamente da Conta Xeral e da Liquidación dos Orzamentos. Non son invencións nin interpretacións”.

O voceiro nacionalista tamén avanzou que nas vindeiras xornadas o BNG divulgará información detallada sobre outros gastos que consideran excesivos ou pouco xustificados. “Faremos públicos os importes dedicados a propaganda institucional, actos protocolarios, xantares e outros conceptos que paga toda a veciñanza, pero que benefician só a uns poucos”, advertiu.

Vizoso concluíu cunha chamada á responsabilidade: “O goberno municipal está a perder tempo tentando xustificarse con mentiras, en vez de traballar para darlle solución a unha situación financeira moi preocupante. Son os únicos responsables do descontrol económico actual, e a cidadanía de Ribadeo merece respostas, non escusas”.

⚙ Configurar cookies
0.17670702934265