O BNG de Ribadeo acusa ao goberno local de inacción co Hospital Asilo

AMariñaXa
Denuncian que, vencido o prazo, as obras seguen sen rematar e sen planificación de futuro
BNG-Ribadeo-2025
25 Apr 2025

Este 25 de abril cúmprese o prazo de 18 meses establecido para a finalización das obras do Hospital Asilo de Ribadeo. Porén, lonxe de ser entregada, a infraestrutura continúa en obras, con importantes actuacións pendentes e sen unha data certa de remate.

Segundo recolle a última certificación de obra emitida polo Concello, correspondente ao mes de abril, aínda resta por executar case un 30% do proxecto, o que supón un valor próximo aos 500.000 euros. Desde o grupo municipal do BNG lembran que a obra xa comezou con retraso, pois non se iniciou ata cinco meses despois de ser adxudicada durante o seu anterior mandato.

A formación critica a lentitude dos traballos e a falta de planificación, pois a día de hoxe non está definida nin a financiación para o equipamento nin o modelo de xestión futura do centro, cuestións que consideran fundamentais e que, afirman, deberían estar xa resoltas.

Para o BNG, esta situación evidencia a falta de capacidade e de compromiso do actual goberno local, ao que acusan de “neglixencia” por non priorizar unha infraestrutura clave para a atención aos maiores do municipio. “Cada día que pasa sen que o Hospital Asilo estea operativo, estamos fallándolle ás familias de Ribadeo”, denuncian.

Por iso, esixen que o executivo local, co alcalde Daniel Vega á fronte, actúe con urxencia e poña todos os medios necesarios para rematar as obras e garantir que o centro poida abrir canto antes.

⚙ Configurar cookies
0.12327885627747