O BNG de Ribadeo acusa ao alcalde de enganar coa obra do Hospital Asilo

AMariñaXa
Critican a falta de avances reais no proxecto e a “teimosía do alcalde en botar man da mentira para ocultar a súa ineficacia”
BNG-Ribadeo-2025
6 May 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Ribadeo lanzou duras críticas contra o alcalde Daniel Vega, a quen acusan de incumprir os seus compromisos e de mentir reiteradamente sobre a situación da obra no Hospital Asilo. Segundo o BNG, o rexedor continúa botando a culpa ao anterior goberno municipal mentres as persoas maiores afectadas permanecen desprazadas noutras residencias, lonxe das súas familias e do seu lugar de orixe.

“Cada vez resulta máis evidente a súa incapacidade para gobernar e a súa habilidade para falsear datos e responsabilizar ao BNG do seu fracaso”, afirman os nacionalistas, que lembran que xa rematou o prazo previsto para a execución das obras e, porén, non hai solucións nin avances palpables.

O grupo municipal reprocha a Vega que, en novembro de 2024 e de novo o 26 de febreiro deste ano, asegurase publicamente que non fora necesario modificar o proxecto. “Nunha declaración recollida pola prensa e na propia web do Concello, o alcalde foi claro: non se fixo ningún modificado. Dous anos despois de chegar ao cargo, debería saber perfectamente como ía a obra”, apuntan.

Diante destas contradicións, o BNG pregúntase se Vega falaba sen información ou se simplemente mentía. “Se daquela dicía a verdade, por que agora xustifica os atrasos cunha suposta modificación do proxecto? E se non dicía a verdade, como confiar no que afirma agora?”, reflexionan.

Tamén critican o que consideran “propaganda baleira e paseos teatrais por tramos preparados para a foto”, lembrando que “os tabiques non se levantan con discursos nin se instala o cableado eléctrico con notas de prensa”.

O BNG conclúe que a única estratexia do actual alcalde é “eludir responsabilidades e recorrer á mentira como único escudo fronte á súa ineficacia evidente”.

⚙ Configurar cookies
0.16762399673462