O BNG de O Vicedo leva ao pleno iniciativas clave para mellorar o concello

AMariñaXa
Entre as propostas están as melloras en estradas e no SAF ou que se cubra a segunda praza de médico no centro de saúde
MIGUEL-FRAGA-GÓMEZ---BNG--VICEDO
29 Jan 2025

O BNG de O Vicedo presentará diversas iniciativas no pleno como son a mellora da rede viaria municipal é unha das principais preocupacións da veciñanza, motivo polo que o portavoz municipal, Miguel Gómez Fraga, propón á alcaldía diferentes actuacións nas estradas do municipio.

Os nacionalistas destacan que o pasado 27 de decembro aprobouse no pleno provincial o Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2025, que inclúe 9 programas, entre eles o de investimentos, ao que os concellos deben destinar un mínimo do 50 . O Vicedo recibirá 261.225,39 euros a través deste plan, e o BNG solicita que unha parte desta partida se dedique ao arranxo de estradas como a vía de Trala Veiga, desde a LU-P6406 ata o lugar do Esquizo (2,3 km); a estrada á Fradería, desde Serra (1,1 km) e o viario da Forqueta (150 m).

"En total, son 3,5 km que precisan dunha intervención urxente, e esta é unha oportunidade que debemos aproveitar, xa que a Deputación de Lugo está a destinar unha importante cantidade ao noso concello", sinalou Gómez Fraga.

O BNG solicita tamén a mellora da sinalización nas estradas municipais, que actualmente é insuficiente. Reivindican a instalación de sinais de perigo, como estreitamentos ou presenza de animais soltos, e a colocación de sinais cos nomes dos núcleos de poboación para facilitar a localización, evitando problemas nos servizos de reparto.

Outro dos puntos abordados será o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Segundo Gómez Fraga, "o avellentamento da poboación aumenta e o custe do SAF é moi elevado para o concello, polo que propoñemos que a Xunta de Galicia incremente a súa colaboración, pasando dos 12 euros actuais a 20 euros por hora". Esta medida permitiría aliviar a carga económica que recae sobre os concellos e as familias, garantindo un servizo esencial para que as persoas maiores poidan permanecer nos seus fogares con atención adecuada.

A sanidade segue sendo unha das maiores preocupacións no Vicedo. O edil nacionalista preguntará no pleno polo número de persoas en lista de espera para o SAF e polo estado actual do Centro de Día. Ademais, esixirá que se aclare cando se cubrirá a segunda praza de médico no centro de saúde, unha demanda pola que os veciños e veciñas se manifestan cada mes, como ocorreu este pasado domingo.

Estas propostas do BNG poñen o foco en atender as necesidades máis urxentes da veciñanza, garantindo unha mellor calidade de vida para todos os habitantes do Vicedo.

0.07554292678833