O BNG de O Valadouro reclama melloras na xestión do lixo e dos residuos

Os concelleiros do Grupo Municipal do BNG en O Valadouro, Eduardo Chao e Eliseo Teijeiro, veñen de rexistrar unha moción que se debaterá no próximo pleno municipal e que recolle varias propostas para optimizar o servizo de recollida de lixo e a xestión dos residuos no municipio. A iniciativa, explicaron, responde a numerosas peticións da veciñanza.
Unha das medidas máis urxentes, segundo detallaron, é dotar de subministro eléctrico ao Punto Limpo situado no quilómetro 13,5 da estrada LU-152, unha instalación construída en 2003 cos Fondos de Cohesión da Unión Europea e que presta servizo tanto a O Valadouro como a Alfoz. “É incomprensible que unha infraestrutura dese nivel, pensada para recibir, separar e almacenar temporalmente os residuos, siga sen conexión eléctrica máis de dúas décadas despois da súa creación”, denunciaron os representantes nacionalistas.
O BNG tamén propón que se estableza e difunda publicamente un calendario de recollida de enseres voluminosos nas diferentes parroquias, de maneira que a veciñanza saiba con antelación cando pode desprenderse de mobles, colchóns, restos metálicos ou outros obxectos de gran tamaño. “Este servizo debe estar ben organizado e comunicado, porque garante un concello máis limpo e evita vertedoiros incontrolados”, subliñaron. Ademais, criticaron o escaso mantemento do entorno do propio Punto Limpo, onde a maleza chega a tapar o cartel de entrada.
Outra das demandas expostas polos edís é a posta en marcha dun Punto Limpo Móbil, un servizo xa presente na maioría de concellos da contorna. Trátase dun pequeno camión que transporta un colector polas distintas parroquias para facilitar a recollida de residuos como pequenos electrodomésticos, pilas, lámpadas ou aceites industriais. “A Consellería de Medio Ambiente financia este tipo de proxectos, polo que o Concello de O Valadouro debe iniciar canto antes as xestións necesarias para contar tamén con este recurso”, sinalaron Chao e Teijeiro.