O BNG de Mondoñedo propuxo no pleno a supresión da plusvalía

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Catro meses despois da celebración do último pleno ordinario o BNG de Mondoñedo volve a defender varias alternativas de interese para a veciñanza.
5 Dec 2019

Catro meses despois da celebración do último pleno ordinario o BNG de Mondoñedo volve a defender varias alternativas de interese para a veciñanza.

O voceiro municipal na corporación, Eloi Cabanas, votou en contra dos orzamentos municipais para o ano 2020, opúxose á aprobación do Plan Municipal de Defensa e Prevención Contra Incendios Forestais, propuxo a suspensión do imposto de plusvalía e logrou un acordo para que se espuxera ao público o proxecto de reforma da praza da catedral antes da súa aprobación definitiva.

O edil do BNG no concello de Mondoñedo considera que o grupo de goberno presenta un proxecto de orzamentos continuista con respecto ao do ano pasado e subliña varias eivas notables que lle impiden dar o visto bo ás contas municipais para o vindeiro ano 2020.

Eloi Cabanas apunta que existen partidas de gastos sen concretar con conceptos xenéricos que  impiden clarexar con exactitude en que se van investir algúns dos recursos do concello, “a partida de 65.100 euros para outros gastos diversos aumenta con respecto a do 2019 e a de publicidade e propaganda, que aumenta en 12000 euros e que pasa este ano a estar orzamentada en 45.300 euros, son exemplos claros do caixón desastre de moitas partidas presupostadas para o vindeiro ano ”.

O BNG queixase de que o sistema de reparto das axudas ás asociacións son pouco obxectivas e defende unha vía máis transparente e menos clientelar como son as subvencións en réxime de concorrencia competitiva.

Ademais, o edil nacionalista apunta que presentaron iniciativas en anos pasados que foron aprobadas por unanimidade en pleno e tampouco están contempladas no orzamento, “o ano pasado a alcaldesa asegurounos que había de haber unha liña de axudas para a compra de material escolar destinada a familias con dificultades económicas e outra para colaborar no gasto de transporte do alumnos que estudan fora da localidade que non aparecen reflexadas nos orzamentos tal e como prometera”.

Segundo o BNG o anexo de inversións que presentan e moi pobre e sen obras que destacar, “din que por prudencia non inclúen a totalidade das inversións previstas por non coñecer a cantidade da subvención doutras administracións pero en cambio consignan 108.129 euros de ingresos que se pretenden obter pola venta das parcelas do polígono así que polo mesmo criterio esta partida tampouco debera estar contemplada”.

O goberno municipal aproba un Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais por segunda vez logo de que tivera que volver a pleno tralas alegacións presentadas do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais e do edil nacionalista no concello. Eloi Cabanas asegura que o plan incumpre o índice do propio proxecto e carece dos planos que definen a rede secundaria de faixas de xestión de biomasa arredor  de vivendas illadas e da rede de pistas, vías, camiños e estradas de titularidade municipal, así como a relación de parcelas afectadas por estes. A Consellería do Medio Rural contesta recoñecendo que faltan os apartados nomeados con anterioridade pero desestima as alegacións presentadas xa que segundo di a Dirección Xeral de Defensa do Monte, nunha posterior fase do plan serán incluídos o resto dos apartados que faltan. Eloi Cabanas pídelle á Xunta de Galiza e ao concello que falen con propiedade e definan o documento como un Plan parcial e esíxelles que presenten dunha vez un plan completo tal e como indica o artigo 16 da Lei de Prevención de Incendios.

IMPOSTO DE PUSVALÍA

O BNG defendeu a suspensión do imposto de plusvalía e pediu que se suspendera o convenio de colaboración co rexistro da propiedade para xestión, liquidación e recadación do imposto.

Segundo o BNG as últimas sentenzas do Tribunal Constitucional que declaran inconstitucional o imposto cando non existe incremento de valor dos terreos de natureza urbana ou cando a cota que sae a pagar é maior ao incremento obtido da transmisión do inmoble. O tribunal tamén pon en tela de xuízo o sistema de cálculo do imposto que trae como consecuencia a necesidade de reformar a Lei para adaptarse a estas sentenzas recentes.

“Tendo en conta que estamos a falar dun imposto potestativo, por seguridade xurídica e máis por que estamos nun concello onde non hai presión urbanística nin especulación que traia como consecuencia un incremento de valor dos terreos, pensamos que se debería derrogar e librar desta carga impositiva a todos os mindonienses que se ven ou se van ver afectados por este imposto”.

O BNG tamén ve irregularidades co convenio asinado entre o concello e o rexistro da propiedade e defendeu unha moción na que pedía a suspensión do convenio e deixar sen efecto as actuacións encomendadas desde a súa sinatura.

A moción non puido saír adiante debido ao voto en contra do Partido Popular que só se comprometeu a revisar o imposto para rebaixar a carga impositiva introducindo bonificacións permitidas na lei ou a derrogalo seguindo as indicacións dos pertinentes servizos xurídicos do concello. Eloi Cabanas entende que a alcaldesa non ten vontade política de derrogar o imposto tendo en conta que tres meses despois de rexistrar a moción aproban uns orzamentos que contemplan unha partida de ingresos a conta do imposto de plusvalía por importe de 60.000 euros.

ACONDICIONAMENTO DA PRAZA DA CATEDRAL

O BNG logrou o apoio de todos os grupos da corporación para a posta a exposición pública do proxecto de acondicionamento da praza da catedral antes da súa aprobación definitiva, “entendemos que un proxecto desta magnitude nun espazo tan singular da cidade debe responder a un estudo pormenorizado para que logo o resultado das reformas non causen estragos difíciles de reparar”.

MEDIDAS DE CONTROL DO XABARÍN

O BNG tamén votou en contra das medidas propostas polo Partido Popular para o control da poboación do Xabarín.

A moción presentada polo goberno de Elena Candia cárgalle o problema da excesiva poboación da especie ao goberno central cando as competencias  en materia de caza no territorio galego son da Xunta de Galiza. Eloi entende que a proliferación destes animais afecta practicamente a todo o territorio galego e sobre todo ao abandono que sufre o rural á falta de relevo xeracional e tamén polo cambio de uso do monte, así que propuxo un Plan de Xestión do Xabarín con criterios científicos e de equilibrio ecolóxico tendo en conta o nivel dos danos causados na agricultura e gandería no risco de accidentes de tráfico ou no risco de propagación de enfermidades.

“A Xunta de Galiza e a Consellería de Medio Ambiente son os que deben liderar esta problemática que para iso teñen as competencias”.

ALCOA

O BNG sacou a diante unha moción para defender a continuidade de ALCOA en San Cibrao e os postos de traballo ligados á empresa, “os puntos de acordo poñen derriba da mesa as alternativas que ven defendendo o BNG desde fai tempo e se expuxeron tamén en reunións co comité de empresa”.

0.22360491752625