O BNG de Mondoñedo propón un plan para mellorar a accesibilidade nos espazos públicos

O grupo municipal do BNG no Concello de Mondoñedo levará ao vindeiro pleno unha moción coa que pretende impulsar a elaboración dun plan de accesibilidade para os edificios e espazos públicos de titularidade municipal. O obxectivo da iniciativa é garantir que toda a cidadanía poida acceder en condicións de igualdade aos servizos públicos, independentemente da súa mobilidade, idade ou capacidade.
Desde a formación nacionalista sinalan que existen diversos inmobles municipais que non cumpren cos requisitos básicos de accesibilidade, o que dificulta o uso normal das instalacións. Entre os casos máis evidentes, destacan a propia casa do concello, onde se atopan a alcaldía, o salón de plenos e varias oficinas. Segundo explicou o voceiro do BNG, Eloi Cabanas, “o acceso ás plantas superiores só pode realizarse a través das escaleiras, sen ningún sistema alternativo que permita salvar esta barreira”.
Ademais, o BNG apunta que esta problemática tamén afecta a outros espazos como o Consistorio Vello, que acolle a Oficina de Turismo e a Biblioteca Municipal, ou a Casa da Xuventude na rúa Pacheco. A proposta inclúe a elaboración dun estudo detallado para identificar obstáculos e a posterior execución de melloras, así como un mantemento axeitado das prazas de estacionamento reservadas.