O BNG de Mondoñedo pide ao Goberno local que explique o novo parque eólico

AMariñaXa
Para os nacionalistas o proxecto das instalacións e o estudo de impacto ambiental deben estar postos a disposición pública no concello.
muíños parque eólico
14 sep 2021

Tal e como informa o BNG de Mondoñedo, no BOE do 16 de agosto saíu publicado o anuncio polo que se somete a información pública o Estudo de Impacto Ambiental e a solicitude de Autorización Administrativa Previa de catro novos parques eólicos e as súas infraestruturas de evacuación que afectan a Mondoñedo, todos eles promovidos polo mesmo grupo empresarial Greenalia Wihnd Power.

Un dos parques eólicos denominado Borrasca de 84 MW de potencia que está integrado por 15 aeroxeradores de 180 metros de altura, incluída a pa, está situado nos límites dos termos municipais de Foz, Mondoñedo e Lourenzá dos cales dous muíños están proxectados na parroquia de Oirán do municipio mindoniense.

Segundo indica o BNG local, o conxunto de parques restantes denominados Monzón, Boura e Ventisca, situados nos termos municipais de Baleira, Pol, Meira, A Pastoriza e Abadín teñen prevista unha liña de evacuación de alta tensión conxunta de 132KW desde a subestación do P.E. Ventisca, no concello de Pol, ata a subestación do P.E. Borrasca no concello de Foz atravesando por Mondoñedo desde o Campo do Oso preto da canteira de Xemil en dirección á Ponte de Vedros na A:8, continuando cara Lindín e seguindo pola ladeira de Padornelo ata baixar a San Pedro da Torre, Vilamor, Monte de Camba, Masma por Marquide e Ardilleiros, Padriñan , A Cazolga , Oirán para rematar na subestación do P.E. BORRASCA no termo municipal de Foz.

ALEGACIÓNS

Para os nacionalistas o proxecto das instalacións e o estudo de impacto ambiental deben estar postos a disposición pública no concello para que calquera persoa interesada poida consultar os aspectos ambientais, arqueolóxicos e principalmente a distribución dos muíños, pistas  e as outras infraestruturas como a liña de evacuación de alta tensión.  Así que o BNG local úrxelle ao goberno municipal que informe sobre estes proxectos eólicos xunto coa liña de evacuación que pasa polo concello e pídelle ao goberno local a que asesore á veciñanza á hora de presentar alegacións a estes proxectos.

O voceiro do BNG en Mondoñedo, Eloi Cabanas, espera tamén que o concello presente as súas propias alegacións aos Estudos de Impacto Ambiental de toda esta infraestrutura que afecta ao concello e non se quede de brazos cruzados igual que fixo co parque eólico Sasdónigas I e II.

Eloi Cabanas apunta que o BNG como organización nacional vai presentar alegacións e “a nivel local estamos estudando os proxectos para presentar tamén as nosas alegacións correspondentes”.

O BNG defende as enerxías renovábeis pero entende o vento como un ben público cuxo aproveitamento ademais de sustentable na produción de electricidade debe repercutir no conxunto da cidadanía e especificamente nos territorios onde se xera. O modelo de desenrolo eólico non pode responder só a un interese privado e depredador das grandes empresas eólicas que operan no noso país coa complicidade da Xunta de Galiza”.

0.25491189956665