O BNG de Mondoñedo pide a prolongación do terceiro carril de subida da N-634

AMariñaXa
Ante os problemas de circulación pola autovía A8 ao seu paso polo Fiouco o BNG de Mondoñedo reitera unha vez máis a necesidade de alternativas
Bng-demandando-terceiro-carril-N-634
20 Ago 2024

Ante os problemas de circulación pola autovía A8 ao seu paso polo Fiouco o BNG de Mondoñedo reitera unha vez máis a necesidade de alternativas e medidas axeitadas que melloren a seguridade dos usuarios que empregan da vía neste treito e pídelle ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que non se obceque en manter aberto ao tráfico este treito en días de néboa xa que estas condicións poden producir accidentes graves como o acontecido o pasado 10 de agosto.

O voceiro do BNG no concello, Eloi Cabanas, asegura que as solucións achegadas ate agora polo ministerio dez anos despois de ser aberto ao tráfico o treito da A-8 son insuficientes e demóstranse ineficaces polo que demandan actuacións definitivas. “O sistema automatizado de balizas luminosas non están sendo efectivo, a sinalización de acceso a autovía cando se desvía o tráfico pola N-634 é deficiente e as rotondas do Alto da Xesta xunto a área de servizo non teñen iluminación ningunha”.

Deste xeito, propoñen a prolongación do terceiro carril de subida da N-634 ata o enlace coa A-8.  Para o BNG esta proposta xunto arranxo completo do treito por onde se desvía o tráfico cando se pecha a autovía sería unha alternativa eficaz aos continuos peches da A-8 no Fiouco, xa que aínda que supón un traxecto de 2 quilómetros máis o tempo é practicamente o mesmo e gañaríase en seguridade e comodidade.

Os nacionalistas apuntan que xa conseguiron sacar adiante esta proposta no concello de Mondoñedo na Deputación de Lugo e na Xunta de Galiza pero que os diferentes gobernos de Rajoy e Pedro Sánchez en Madrid non chegaron nin sequera a pronunciarse polo tema. “Parece que só importan as estatísticas das horas de peche a fin de ano e nestas condicións, por seguridade, consideramos que hai que ser prácticos e pechar a autovía cando a néboa dificulta o tráfico ou o impide directamente”.

0.087735891342163