O BNG de Mondoñedo lamenta que o ascensor do centro de saúde leva máis de 2 meses sen funcionar
O BNG de Mondoñedo esixiu solucións urxentes ante a prolongada falta de servizo do ascensor no centro de saúde local, unha situación que leva meses sen resolverse e que afecta tanto aos profesionais que traballan no centro como aos pacientes, especialmente aos maiores con problemas de mobilidade. Segundo os nacionalistas, estes pacientes vense obrigados a ser atendidos na planta baixa do edificio debido á imposibilidade de subir ás consultas situadas nos andares superiores.
Eloi Cabanas, voceiro do BNG, destacou que o edificio ten tres plantas e só dispón dun ascensor, actualmente fóra de servizo. Esta deficiencia afecta ao redor de 300 persoas que acoden diariamente ao centro de saúde, onde se atopan as consultas de medicina xeral, pediatría, enfermería e fisioterapia.
O problema agrávase especialmente no caso do servizo de fisioterapia, situado no terceiro andar do edificio. Cabanas subliñou que moitos pacientes, recentemente operados e con próteses, enfróntanse á difícil tarefa de subir polas escaleiras para acceder aos seus exercicios de rehabilitación. Esta situación, segundo o BNG, está a impedir que algúns doentes reciban o tratamento que precisan, debido á imposibilidade de acceder ás instalacións.
"É un escándalo que o Partido Popular, a través da consellería de Sanidade, manteña esta situación ao longo do tempo", afirmou Cabanas, quen critica duramente a inacción das autoridades sanitarias. O BNG considera intolerable que esta situación se prolongue e demanda unha solución inmediata para garantir o acceso adecuado e seguro ás instalacións do centro de saúde para todos os usuarios.