O BNG de Mondoñedo denuncia o mal estado do principal parque infantil do municipio
O BNG asegura que o principal parque infantil de Mondoñedo converteuse nun potencial perigo para os máis cativos. Para os nacionalistas resulta imposible poder xogar sen rematar coas mans e a roupa tinguidas de negro polo mofo que impregnan as instalacións e consideran inaceptable que os cativos teñan que padecer un parque de xogos con mofo e lixo acumulado durante anos.
Quéixanse do estado das subxeccións dalgúns equipamentos a piques de rachar polo desgaste, o que podería ocasionar un posible accidente e lesións das nenas e nenos que xogan no parque municipal. Ademais, consideran que o Goberno municipal non pode mirar cara a outro lado ante esta situación de abandono que, xunto coa falta de limpeza e mantemento das rúas e espazos públicos da cidade, pode ser unha das variantes que poden ter en conta as familias cando teñen que decidir se establecen a súa residencia en Mondoñedo ou noutro concello limítrofe da comarca.
Para o voceiro municipal do BNG, Eloi Cabanas, o coidado e a seguridade dos fillos é unha prioridade esencial e denuncia que Goberno municipal aínda non fixera efectiva a proposta presentada en pleno polo grupo nacionalista o pasado mes de marzo para que se tomasen s medidas necesarias e solucionar o problema de conservación do parque e evitar así posibles situacións de risco para os menores.
“Trátase dunha vergoña e un desleixo, as autoridades municipais non poden estar esperando eternamente por unha subvención para reformar o parque do seminario e deben intervir inmediatamente para corrixir estas deficiencias”. O BNG tamén se fai eco das queixas habituais que lles trasladan os veciños e veciñas relativas á frecuencia e intensidade con que se realizan os traballos habituais de roza da vexetación espontánea e limpeza das rúas e espazos públicos da cidade xa que non son suficientes para garantir unha imaxe de cidade limpa e ben coidada.
“Queremos unha cidade limpa por fora e máis por dentro así que vamos formular un rogo no pleno deste xoves 30 de maio para que o Goberno reforce este servizo e garanta unha limpeza intensiva e en profundidade en todos os espazos e edificios públicos da cidade non só na época estival se non que tamén ao longo de todo o ano”.