O BNG de Lourenzá propón un centro de transformación agroalimentaria para dar saída aos excedentes do campo

AMariñaXa
A iniciativa nacionalista aposta pola creación dun espazo compartido e formativo que dinamice a economía local e dea valor á produción agraria e gandeira da comarca
BNG-LOURENZA-BELÉN-FANEGO-BARREIRA
24 May 2025

O BNG de Lourenzá levou ao pleno municipal do 22 de maio unha proposta para crear un Centro de Transformación de Produtos do Agro e Derivados da Gandaría, unha infraestrutura que permitiría aproveitar os excedentes da produción local e impulsar a economía do rural.

A formación nacionalista defende a necesidade deste proxecto baseándose na elevada produción de froitas, hortalizas e legumes —coa faba como exemplo destacado— tanto en Lourenzá como nas parroquias limítrofes. Segundo explican, moitos destes alimentos acaban sen comercializarse por cambios na demanda, por defectos estéticos ou por condicións climáticas adversas. “Son produtos que non se consideran de primeira por cuestións mínimas, pero son perfectamente consumibles e resultan difíciles de colocar no mercado”, sinalan. Deste xeito, a iniciativa busca dar unha segunda vida útil a eses produtos e reducir desperdicios.

Desde o BNG destacan que a transformación e conservación de alimentos constitúe unha ferramenta clave para acadar un sistema alimentario máis xusto e sostible, poñendo en valor a produción local e creando novas oportunidades de emprego e emprendemento. A proposta inclúe a creación dun espazo colaborativo, formativo e compartido, orientado a pequenos produtores, onde se poidan desenvolver procesos de transformación agroalimentaria e compartir coñecementos técnicos. Ademais, xa se iniciou o contacto con concellos veciños para valorar unha xestión conxunta e a viabilidade do proxecto.

A iniciativa tamén contempla a organización de visitas a outras instalacións semellantes e a celebración de charlas divulgativas con profesionais do sector.

No mesmo pleno, o BNG presentou varias peticións complementarias, como a instalación de parques bio-saudables no rural, para facilitar a práctica de exercicio físico ás persoas maiores con dificultades de desprazamento. Ademais, reclamaron puntos de recarga para vehículos eléctricos, ante a carencia desta infraestrutura en Lourenzá.

Outra das demandas da formación foi a mellora das instalacións do centro de saúde, especialmente a instalación dun grupo electróxeno que garanta o funcionamento en caso de cortes de subministración. “É un servizo municipal e debe estar preparado para atender situacións de emerxencia”, afirman.

Tamén fixeron observacións sobre o estado de limpeza do municipio, mencionando a acumulación de herba e maleza en sumidoiros, estradas e zonas de lecer, así como a necesidade de limpar silvas nos accesos ao CEIP.

Por último, o BNG informou da aceptación por parte da Xunta da proposta presentada en outubro de 2024 para a creación dun Paseo Fluvial xunto ao río Baos, aprobado por unanimidade polo pleno municipal. A memoria valorada para a “Adecuación do Paseo dos Frades - Río Baos” foi admitida pola Axencia Galega de Turismo o pasado 11 de marzo.

⚙ Configurar cookies
0.15485596656799