O BNG de Lourenzá destaca a incorporación dunha hora silenciosa na Festa da Faba

Desde o BNG de Lourenzá amosaron o seu agradecemento ao equipo de goberno socialista por atender unha petición formulada xa en setembro de 2023: a redución ao mínimo posíbel do nivel sonoro das atraccións durante a celebración da XXXIII edición da Festa da Faba, declarada de Interese Turístico de Galicia.
Este ano, como novidade, implantarase a chamada “hora silenciosa”, un espazo de tempo no que se diminuirá o volume das atraccións. O obxectivo é que persoas con trastorno do espectro autista ou con outras doenzas que se vexan afectadas negativamente polos sons fortes poidan gozar dun tempo de lecer en condicións máis favorables.
Para a organización nacionalista, trátase dun pequeno avance que sitúa a Lourenzá no camiño de se converter nun concello inclusivo, atento ás diferentes realidades da poboación. “Queremos que a vila sexa acolledora por partida dobre: pola súa riqueza cultural, pola paisaxe e pola gastronomía, que ten na faba o seu produto estrela; e tamén polo seu carácter aberto, recibindo con brazos abertos a quen nos visita ou decide instalarse aquí”, sinalan desde o BNG.
A formación aproveitou tamén para enviar unha mensaxe de apoio aos produtores de fabas, protagonistas dunha festa que ano tras ano consolídase como referente gastronómico e cultural. Recordaron as enormes perdas provocadas pola colleita do pasado ano, cualificada como “desastrosa”, e subliñaron que o esforzo dos fabeiros merece un maior respaldo por parte de todas as Administracións.
“É preciso garantir que o traballo desenvolvido pola IXP Faba de Lourenzá non caia no esquecemento e que poidamos seguir desfrutando deste produto durante moitos anos, abrindo ademais a porta a novos produtores tanto de Lourenzá como doutros concellos da contorna”, concluíron.