O BNG de Lourenzá denuncia o deterioro das infraestruturas municipais sen previsión de arranxo

AMariñaXa
Critican a inacción do goberno local ante problemas como a pista de pádel, a ponte do Nogueiredo ou sumidoiros atascados
BNG-LOURENZA-BELÉN-FANEGO-BARREIRA
26 Jun 2025

O BNG de Lourenzá volveu alzar a voz para denunciar o “abandono continuado” de varias infraestruturas públicas no municipio, que segundo o grupo nacionalista levan “meses ou mesmo anos sen ser reparadas”, a pesar das reiteradas queixas e preguntas nos plenos municipais. A través dun comunicado emitido este 10 de xuño, lembran que xa no pleno do 1 de outubro de 2024 trasladaran diversas deficiencias sen obter respostas claras nin solucións concretas por parte da alcaldesa.

Un dos principais exemplos que sinalan é o da pista de pádel municipal, que permanece inhabilitada desde hai meses pola falta de paneis de cristal. “É unha instalación que sería moi útil no verán, ao estar ao aire libre, pero leva moito tempo sen poder empregarse”, apuntan desde o BNG. Segundo recolle a acta do pleno, a alcaldesa respondeu entón que o problema era “de índole económica” e que estaban a estudar a posibilidade de substituír os cristais por metacrilato.

Outro dos puntos de preocupación é a situación dos sumidoiros da vila. “Moitos están atascados e cando chove a auga sae por calquera lado”, advertiu o grupo nacionalista, que preguntou pola previsión dunha limpeza xeral da rede. A rexedora comprometeuse a facer unha intervención “antes do inverno”, aínda que, segundo o BNG, non houbo avances desde entón.

O comunicado tamén lembra que no mesmo pleno se fixo referencia ao estado da ponte do Nogueiredo, que presenta un burato desde setembro de 2023. “Pasou un ano e aínda non se iniciaron os trámites para a reparación”, critican, engadindo que a única resposta obtida foi que “están pendentes de que lles comuniquen cales son os pasos a seguir”.

Finalmente, o BNG sinala que no mes de xaneiro de 2025 volveron trasladar ao goberno local novas queixas, como o mal estado do valado de madeira na saída de Lourenzá cara ao Val, preto da zona de autocaravanas. “A resposta foi evasiva e sen concreción ningunha”, reprochan, asegurando que “a pasividade do executivo municipal está a pór en risco o benestar e a seguridade da veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.20298290252686