O BNG de Lourenzá critica o rexeitamento dunha moratoria na suba do IBI e da taxa de abastecemento de auga
O BNG de Lourenzá vén de informar que foi rexeitada no Pleno do 16 de xaneiro a súa proposta para establecer unha moratoria na aplicación da suba do IBI e da taxa de abastecemento de auga en Lourenzá.
Esta proposta "foi motivada polas dificultades do sector agro-gandeiro, e foi rexeitada polo goberno socialista", din os laurentinos. O BNG lamenta que non se priorice o apoio aos cidadáns e solicita colaboración interinstitucional para paliar a situación.
"Escúdanse en que deben asumir competencias que lles son impropias e que os servizos prestados son deficitarios e non lles chega o financiamento que reciben. Din entender as circunstancias e que en reunións mantidas cos fabeiros se lles puxo de manifesto o apoio do Concello de cara a intentar buscar axudas nas outras Administracións para paliar as perdas que houbo", sinalan, "por suposto que nos sumamos a esa petición de axuda de todas as Administracións que teñan competencias para prestar calquera tipo de axuda, sexa a nivel Provincial, Autonómico ou Central".
Dende o BNG "non entendemos como a Administración que debe estar máis preto dos cidadáns, o Concello, non sexa quen de aportar o seu gran de area aceptando a moratoria na suba de impostos feita de xeito abrupto e sen saber o alcance do que se ten previsto recaudar con esta medida posto que non hai ningún estudo feito ao respecto."
"A solución non pasa por que arrimen o ombreiro os demais, na medida das nosas posibilidades debemos colaborar. Debemos ir todos xuntos posto que a falta de ingresos e as perdas acumuladas neste sector prioritario para Lourenzá, repercuten en todo o tecido económico do concello", engaden.
Así, queren lembrarlle ao goberno socialista de Lourenzá "que en asuntos de interese xeral, como o referente ao patrimonio histórico, por exemplo, apoiamos as súas propostas e imos todas a unha".