O BNG de Foz reclama máis persoal en Correos ante os atrasos persistentes no reparto postal

Foz
AMariñaXa
O Pleno municipal aproba por unanimidade unha moción que insta ao Ministerio a reforzar os recursos humanos e materiais da oficina local
Foz-BNG-correos-2025
5 Mar 2026

O Bloque Nacionalista Galego no Concello de Foz levou ao Pleno municipal da pasada semana unha nova moción para reclamar medidas urxentes que permitan mellorar o funcionamento da oficina de Correos da vila. A iniciativa, que foi aprobada por unanimidade por todos os grupos da corporación, solicita ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que reforzo o persoal e os recursos dispoñibles co fin de garantir un servizo postal eficiente para a veciñanza.

Desde o BNG lembran que a situación da oficina focense leva anos xerando preocupación pola falta de efectivos e polos atrasos que se producen no reparto. O portavoz nacionalista, Francisco Xavier Fanego, sinalou que esta iniciativa se suma a outras accións impulsadas nos últimos anos para intentar resolver un problema que continúa sen solución. “En 2021 aprobouse por unanimidade unha moción para recuperar a apertura da oficina os sábados pola mañá, un servizo que fora suprimido durante a pandemia. Posteriormente, en febreiro do pasado ano, outra proposta tamén apoiada por todos os grupos trasladou ao Ministerio a necesidade de reforzar persoal e medios para garantir un Servizo Postal Universal público e de calidade”, lembrou.

Fanego tamén recordou que en abril de 2025 o deputado do BNG Néstor Rego rexistrou preguntas no Congreso dos Deputados tras visitar a oficina de Correos de Foz, co obxectivo de coñecer as causas da falta de recursos e as medidas previstas para mellorar a situación.

A resposta trasladada polo Ministerio sostén que o horario actual e o cadro de persoal permiten atender o volume de actividade existente cos niveis de calidade establecidos, ademais de indicar que se realizan reforzos en períodos de maior demanda, como o Nadal ou durante procesos electorais. Porén, desde o BNG consideran que esta explicación non se corresponde coa realidade que se vive no municipio, onde os atrasos continúan a producirse de forma reiterada.

Entre os exemplos que poñen de manifesto esta situación, o grupo nacionalista menciona a acumulación de centos de cartas ordinarias durante a pasada campaña de Nadal, cando a prioridade á paquetería provocou demoras na entrega doutras comunicacións. Algúns destes envíos incluían notificacións relacionadas con modificacións catastrais remitidas pola Deputación Provincial, con prazo límite o 31 de xaneiro, que en moitos casos chegaron tarde aos destinatarios, provocando recargos fiscais.

Tamén se rexistraron atrasos na recepción de citacións do Servizo de Orientación Laboral de Galicia, de asistencia obrigatoria para persoas desempregadas, o que pode derivar na perda de prestacións se non se comparece no día indicado.

Segundo expón o BNG, a situación agrávase pola redución do cadro de persoal. A oficina pasou de contar con oito carteiros a dispoñer actualmente de só dous para o reparto, mentres que na atención ao público traballan catro empregados pola mañá —dous deles con redución de xornada— e dous pola tarde, un deles a media xornada. Ademais, dúas prazas quedaron sen cubrir tras varias xubilacións.

A estes problemas súmanse incidencias no mantemento dos vehículos empregados no reparto, o que tamén condiciona o funcionamento do servizo. Como exemplo, mencionan o caso dunha furgoneta que permaneceu parada durante varios días debido a un pinchazo sen reparar.

A moción aprobada polo Pleno solicita ao Ministerio que xestione con urxencia coa dirección de Correos a dotación de máis recursos humanos e materiais para garantir un Servizo Postal Universal de calidade, cun reparto regular cinco días á semana. Entre as medidas propostas inclúese a contratación de persoal suficiente, unha distribución equilibrada das cargas de traballo e a reorganización das zonas de reparto e da atención ao público.

O BNG subliña que a defensa dun servizo postal público e eficaz resulta fundamental para garantir a igualdade de acceso aos servizos no territorio, especialmente en municipios nos que moitas xestións administrativas dependen do correcto funcionamento de Correos.

0.11637306213379