O BNG de Foz proporá no Pleno a posta en marcha dun plan de limpeza
O BNG-Foz proporá no próximo pleno municipal a posta en marcha dun Plan de Limpeza que asegure que todas as zonas do concello estean en bo estado en calquera época do ano , non unicamente no verán, “É un dereito dos veciños e unha obriga do goberno municipal manter o pobo limpo”, sinalan desde a formación nacionalista .
O estado da arqueta situada nas inmediacións do Paseo de Tupide diante do almacén do Náutico non é máis ca unha mostra do desinterese do Goberno Municipal polo tema da limpeza das rúas e estradas do noso concello. Neste caso en concreto é necesaria a súa reparación , porque cada vez que chove con forza, bota fóra panos sucios e compresas que se amorean arredor da tapa e na zona adxacente do paseo , e levan desde as chuvias torrenciais dos últimos meses sen seren recollidos .
A falta de limpeza do pobo é de sobra coñecida polos veciños e veciñas que, entre outras cousas, e desgraciadamente, xa estamos afeitos a ter que andar polas beirarrúas esquivando excrementos de animais, “todo son grandes promesas en tempo de eleccións para distraer á xente , con total despreocupación polo día a día dos que circulamos a cotío polas nosas vías”.
“Parece ser que o dereito das veciñas e veciños a circular por unhas rúas limpas , dereito financiado cos seus impostos , non existe”, apuntan desde o BNG, que consideran que “estamos a falar dunha zona frecuentada por veciños e visitantes en calquera época do ano , de gran valor paisaxístico e situada á beira das praias” .