O BNG de Foz presenta unha proposta para a mellora do firme no espazo portuario
O BNG de Foz presenta no vindeiro Pleno unha proposta para a mellora do firme no espazo portuario de Foz, e reitera a solicitude de melloras nas instalacións e seguridade portuaria.
"A contorna da explanada portuaria presenta unha pésima situación do firme e durante o pasado verán, o Goberno local instou a Portos de Galicia á sua mellora, trala evidencia das fochancas da explanada", din os nacionalistas, "a solución foi tapar de calquera xeito as fochancas mais 6 meses despois continuamos á espera de acondicionar debidamente este espazo".
"A mesma situación de desleixo repítese coas instalacións portuarias sen que nos orzamentos de 2022 exista partida específica para un acondicionamento moi necesario das instalacións en Tupide.. Hai xa sete anos que o Parlamento Galego acordou por unanimidade a execución de obras urxentes para garantir a seguridade, o calado e o aumento de prazas de atraque nese porto, e nada se fixo ainda", engaden.
"O estado dos pantaláns é verdadeiramente malo. Os piares de apoio están deteriorados e xa no pasado romperon causando a perda dunha embarcación e a posibilidade de perderse todo o pantalán ao completo. O firme de táboas está moi deteriorado, con furados e podredume que xa ten provocado algunha caída", explican os focegos.
"Portos de Galicia anuncia agora cambios na sinalización dos portos da sua competencia. Mais esta medida semellan en cartelería xenérica e tememos que outras iniciativas para a mellora da seguridade non se contemplen. Medidas como a a aprobada por maioría do Pleno de Foz en xullo de 2022 esixindo informar e facer cumplir a limitación da velocidade e uso de embarcacións de recreo no entorno portuario, e sería unha boa oportunidade", din dende o BNG.