O BNG de Foz esixirá no vindeiro Pleno garantir o funcionamento do ferrocarril na Mariña
O BNG de Foz vén de falar sobre a situación da liña de ferrocarril Ferrol-Ribadeo que segundo eles "é unh situación de desleixo que provoca dende a ausencia de adecuado número de frecuencias con horarios adaptados coas xornadas laborais, escolares ou de uso dos servizos espallados po la Mariña, até inmumerables cancelacións dos xa escasos servizos programados, facendo que as usuarias renuncien maioritariamente a un servizo público tan deficitario. Istos feitos xa crónicos, empeoraron coa supresión dos servizos de trens por mor da covid que non foron restituidos", din.
O BNG de Foz lembra que só o pasado ano na liña Ferrol-Ribadeo, producíronse preto dun milleiro de incidentes, que teñen unha relación directa coa redución de persoal, a supresión reiterada de servizos –co conseguinte prexuízo ás usuarias- e o abandono no mantemento das infraestruturas, como é o material rodante, estacións, problemática na expedición de billetes, etc.
Recentemente a Fegamp esixiu tamén a Transportes e a Renfe nunha declaración institucional, garantir a universalidade e accesibilidade ao servizo axustándose as necesidades dos usuarios, "algo que actualmente está moi lonxe de cumplirse na Mariña", din dende o BNG.
Ademais o Ministerio de Transportes ten previsto "aprobar en 2023 a lei de movilidade sostible que pode supoñer un novo retallo nos servizos ferroviarios, o que pode levar ao feche de determinadas liñas actualmente en funcionamento", engaden.
Esta situación de deterioro do servizo ferroviario para o BNG de Foz implica "máis alá de anuncios baleiros de contido, decisións políticas claras, con investimentos e prazos para a modernización da liña en condicións de calidade e operatividade. Por iso o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana debería recuperar, garantir que se cumplan e na medida do posible incrementar, as frecuencias horarias do transporte por ferrocarril na Mariña, coa adecuación ás demandas dx usuarixs para facer do servizo público unha ferramenta útil e eficaz na mobilidade da Mariña. Solicitaremos tamén a mellora no mantemento tanto do entorno das paradas, nas propias estacións recuperando a presencialidade na venta de billetes, como no servizo a bordo coa adecuada a supervisión nos convois e as necesarias melloras no proprio material rodante. E instaremos a Xunta de Galiza a dirixirse ao Ministerio de transportes para garantir o anterior e facer as alegacións precisas ao Anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostible", rematan dicindo os nacionalistas focegos.