O BNG de Foz denuncia “mala xestión” do goberno local e anuncia o seu voto en contra da modificación orzamentaria

Foz
AMariñaXa
A formación nacionalista critica a falta de diálogo, alerta de riscos de incumprimento da estabilidade económica e esixe orzamentos para 2026 elaborados con rigor
BNG-Foz-foto-xuntos
19 Nov 2025

O BNG de Foz fixo público o seu rexeitamento á modificación orzamentaria e ao recoñecemento extraxudicial de crédito que o goberno municipal prevé levar a pleno este mes de novembro. A operación, por importe total de 1.321.877,16 euros, foi presentada aos concelleiros nacionalistas nunha reunión celebrada o pasado venres, na que participaron o alcalde, a concelleira de Facenda e o interventor municipal.

Segundo explicou o voceiro do BNG, Francisco Xavier Fanego Bermúdez, a gravidade do expediente levou ao partido a convocar unha asemblea local para analizar a situación. Fanego criticou que o executivo municipal “xestione os recursos da veciñanza dunha forma irresponsable” e cunha “falta de diálogo sen precedentes” cos grupos da oposición. “Non se pode gobernar como quen ten maioría absoluta cando non a ten”, advertiu.

O grupo nacionalista lembrou que leva meses preguntando polo avance dos orzamentos municipais —actualmente prorrogados desde 2024— e polo pago das subvencións culturais e deportivas pendentes de 2023, cuestións ás que, aseguran, o goberno respondeu “con evasivas”. Fanego insistiu en que o BNG non aceptará que se mesturen cuestións diferentes para exercer “unha chantaxe moral” sobre a oposición: “Se o goberno quere pagar as subvencións e as facturas atrasadas, que o traia a pleno por separado”.

O BNG denuncia que no expediente se inclúen asuntos heteroxéneos: facturas de 2023 e 2024 con reparos de Intervención, subvencións nominativas pendentes, modificacións de axudas previstas para 2025, achegas a convenios e facturas do exercicio 2025 para as que non hai liquidez. “Non temos información detallada máis alá do importe total”, lamentan.

Fanego recordou que esta é a segunda vez no ano que o Concello recorre ao procedemento excepcional do recoñecemento extraxudicial. En abril xa se aprobara outro por valor de 809.915,63 euros. Agora, Intervención volve emitir un reparo suspensivo por omitir a fiscalización previa, feito que cualifica como “infracción moi grave” segundo a Lei de Transparencia e Bo Goberno. O informe da modificación de crédito tamén é desfavorable e alerta dun posible incumprimento da estabilidade orzamentaria en 2025.

Para o BNG, esta situación deriva da ausencia de planificación e da falta de avances nos orzamentos municipais. “O normal sería ter xa aprobados os orzamentos de 2026 para que entraran en vigor o 1 de xaneiro, pero non temos ningunha noticia ao respecto”, sinalou Fanego. Criticou igualmente a “falta total de comunicación” por parte do executivo: “Xestiónase a base de imposicións, de forma desleal coa veciñanza”.

Por todo isto, o BNG votará en contra da modificación orzamentaria e do recoñecemento extraxudicial tal e como se presentan. Aínda así, a formación ofrece colaboración para garantir que os pagos poidan facerse “con rigor, seriedade e dentro da legalidade”. Ademais, insta ao goberno local a elaborar canto antes os orzamentos de 2026 para evitar repetir a situación dentro de poucos meses.

“A responsabilidade desta desorde financeira recae unicamente no goberno municipal pola súa mala xestión e por tentar chantaxear á oposición coa necesidade económica de quen espera por estes pagos”, concluíu o voceiro. O BNG manifesta disposición a apoiar certos puntos por separado, pero non o conxunto do expediente.

⚙ Configurar cookies
0.070178985595703