O BNG de Foz alerta do mal estado da drenaxe baixo a N-642 na praia da Areoura

Foz
AMariñaXa
A formación lembra o colapso de 2023 e reclama unha intervención inmediata para evitar novos riscos na vía que comunica a Mariña Oriental
Foz-tubaxe-dabixo-da-nacional-642-praia-areura-
18 Feb 2026

O BNG de Foz fixo pública a súa preocupación pola situación na que se atopa a saída da tubaxe de drenaxe situada baixo a estrada Nacional 642, á altura da praia da Areoura, en Cangas. A formación nacionalista advirte de que o colector presenta acumulación de materiais e falta de mantemento, unha circunstancia que, segundo sinalan, podería volver comprometer a seguridade da infraestrutura viaria.

A organización lembra que en xaneiro de 2023 se produciu o afundimento dunha parte do firme nese mesmo punto como consecuencia dos entullos que obstruían o sistema de evacuación de augas. Aquel episodio obrigou a cortar a circulación durante case un ano para acometer obras de reparación de gran envergadura, mentres o tráfico era desviado por un vial provisional habilitado de maneira urxente.

O custo daquela actuación ascendeu a 2,6 millóns de euros e xerou importantes trastornos na mobilidade da comarca. Durante os primeiros días, a veciñanza da Mariña Oriental viu seriamente dificultados os seus desprazamentos, quedando practicamente illada en relación con servizos esenciais como o Hospital Público da Mariña, o que provocou malestar e preocupación entre a poboación afectada.

O voceiro do BNG en Foz, Francisco Xavier Fanego, subliñou que “despois de todo o sucedido, e máis aínda nun contexto de fortes precipitacións como o que estamos a vivir, este tipo de infraestruturas deben estar sometidas a un control exhaustivo e a tarefas periódicas de limpeza e conservación”. Ao seu xuízo, non se pode permitir que a falta de previsión volva derivar nun problema de semellante magnitude.

Desde o grupo municipal instan ás administracións competentes a actuar con celeridade para revisar o estado do colector e executar as medidas necesarias que garantan o correcto funcionamento da drenaxe. Consideran que a prevención e o mantemento continuo son claves para evitar novos danos na estrada e para asegurar unha comunicación fluída e segura nunha vía fundamental para a comarca.

⚙ Configurar cookies
0.0779709815979