O BNG de Cervo reclama unha mellora urxente da atención sanitaria

O pleno municipal celebrado o pasado xoves en Cervo volveu poñer sobre a mesa a situación da sanidade pública no concello. O debate estivo marcado pola crítica do BNG á xestión da Xunta, mentres que o Partido Popular evitou asumir responsabilidades, defendendo o modelo actual e xustificando a precariedade que afecta á Atención Primaria non só en Cervo, senón tamén na maioría dos concellos da Mariña.
A nova portavoz nacionalista, Zulema Murado, presentou unha proposta clara: que a Consellería de Sanidade e o Sergas aseguren a cobertura estable de profesionais en todas as quendas e durante todos os días, incluíndo a substitución das baixas, vacacións ou permisos, tanto no persoal médico como no de enfermaría. Tamén reclamou a recuperación do persoal facultativo e de enfermaría destinado a atender ás persoas desprazadas no verán, un servizo suprimido hai anos que, segundo explicou, resulta cada vez máis necesario polo incremento poboacional durante os meses estivais. A este reforzo debería sumarse ademais o persoal administrativo.
O pleno serviu tamén para oficializar cambios na representación municipal do BNG. Diego Fernández, que fora portavoz do grupo, presentou a súa renuncia por motivos persoais, agradecendo á veciñanza, á corporación, ao persoal municipal, á súa familia e ao propio BNG o apoio recibido. No seu lugar asumirá a portavocía Zulema Murado, xa concelleira e integrante da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña. No próximo pleno incorporaráse como concelleiro David Villares, número tres da candidatura nacionalista nas eleccións municipais de 2023.