O BNG de Cervo reclama un segundo elevador no Centro de Día de San Cibrao

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O BNG cervense criticou a pasada semana a xestión da empresa concesionaria do Centro de Día-Residencia de San Cibrao (CDR) e os problemas que a avaría do único elevador estaba ocasionando nas persoas usuarias.
saldaxe2
27 Out 2020

O BNG cervense criticou a pasada semana a xestión da empresa concesionaria do Centro de Día-Residencia de San Cibrao (CDR) e os problemas que a avaría do único elevador estaba ocasionando nas persoas usuarias. Trala reparación realizada aos poucos días de que o BNG sacase o problema á luz, os concelleiros nacionalistas consideran "unha boa noticia que a avaría do elevador fora resolta antes do previsto".

Diego Fernández e Xorxe Caldeiro son conscientes de que o centro cumpre coas instalacións mínimas legais regulamentarias, pero rexeitan que iso sexa motivo para a inacción e consideran que o obxectivo debe ser mellorar as dotacións para evitar situacións problemáticas coma esta no futuro: "é necesario aprender dos problemas e por iso esiximos melloras na xestión por parte da concesionaria e maior rigor no control por parte do Concello de Cervo, como titular do CDR, ao que reclamamos un proxecto para a instalación dun segundo elevador no centro que evite no futuro situacións problemáticas innecesarias como as sufridas en días pasados como o confinamento forzoso de persoas residentes impedidas a saír do seu andar durante dias, un feito que consideramos inasumible, ou o sometemento a esforzos inhumanos que soportou o persoal do centro que mesmo costaron algún accidente".

Dadas as carencias estruturais, instan ao Goberno municipal e ao alcalde como responsable principal, a esixir á empresa concesionaria "un protocolo que, no caso dunha nova avaría do elevador, evite a perda de mobilidade e calidade asistencial das persoas usuarias", así como "un plan de continxencia que permitan contar cun cadro de persoal suficiente que evite o colapso e mellore a calidade do servizo".

"A empresa concesionaria debería dedicar os seus esforzos a mellorar a xestión en lugar de ameazarnos con interpor unha querela", din dende o BNG, onde Diego Fernández e Xorxe Caldeiro puxeron en coñecemento da veciñanza que recibiron un correo electrónico dun representante legal da empresa concesionaria do CDR, Mensajeros de la Paz, “no que se instaba ao BNG, un día despois da publicación das críticas pola xestión da concesionaria, a retirar nun prazo de 24 horas o comunicado publicado nas nosas redes sociais e emitir un novo comunicado de desculpas baixo ameaza da interposición dunha querela”, informaron os concelleiros nacionalistas.

Os concelleiros afirmaron que, “como é obvio, ao BNG o único que o move é a preocupación por que as persoas usuarias do CDR obteñan o mellor servizo, tanto en calidade como en cantidade, porque é o que merecen e porque ademais pagan xenerosas cantidades á empresa concesionaria, que xestiona un ben público sometido a control público". Sobre o control público que debería exercer a administración local, pero que non exerce, afirman: "Se o goberno municipal non fai o seu traballo de control, ímolo facer nós, porque entendemos que para iso fomos escollidos como representantes polas veciñas e veciños. Sempre que existan situacións lesivas para a dignidade e a calidade asistencial das persoas usuarias que son vítimas indefensas da súa xestión, o BNG denunciará esas situacións". Neste sentido, recomendáronlle á concesionaria "que dedique os seus esforzos a mellorar a xestión e non a andar con avogados e ameazarnos”, concluíron.

0.20599293708801