O BNG de Cervo reclama con urxencia solucións ao problema no servizo de telefonía en Senra

AMariñaXa
Segundo denuncian, levan máis dun mes sen servizo de telefonía móbil, o que está a deixar a unha boa parte da poboación sen acceso a un servizo esencial
bng-cervo-incomunicacion-vecino-senra-2025
9 Jan 2025

Os concelleiros do BNG no Concello de Cervo, Diego Fernández e Zulema Murado, esixen ao equipo de goberno que actúe con urxencia para resolver o grave problema de falta de cobertura móbil que está a afectar os veciños. Segundo denuncian, levan máis dun mes sen servizo de telefonía móbil, o que está a deixar a unha boa parte da poboación sen acceso a un servizo esencial.

“Este problema exemplifica unha vez máis a inacción e desatención do equipo de goberno do Partido Popular ante as necesidades reais dos veciños e veciñas do municipio”, afirmou o portavoz do BNG, Diego Fernández. “A situación na parroquia da Senra, que leva máis de 30 días sen cobertura móbil, é absolutamente insostible. Este illamento afecta tanto ás comunicacións persoais como aos servizos de emerxencia, á actividade bancaria e ao acceso á información en tempo real. Non é aceptable que un servizo básico como este continúe interrompido durante tanto tempo sen que se tomen medidas inmediatas para solucionalo”, engadiu.

Críticas á falta de xestión municipal

Para o BNG, esta situación evidencia unha carencia de planificación e unha falta de capacidade de xestión por parte do goberno municipal, que non foi quen de actuar diante dun problema que afecta directamente ao benestar e á calidade de vida da cidadanía.

“O goberno local non pode seguir ignorando esta situación. Os veciños da Senra necesitan unha resposta inmediata. É urxente que se tomen as medidas necesarias para restablecer a cobertura móbil canto antes. Non é comprensible que no século XXI sigamos a ter problemas deste tipo sen que o Concello faga algo ao respecto”, destacaron os nacionalistas.
Compromiso de acción no pleno municipal

O BNG anunciou que levará esta cuestión á próxima sesión plenaria co obxectivo de impulsar medidas concretas e ofrecer unha resposta clara á veciñanza. Os nacionalistas insisten na necesidade de que o goberno municipal asuma a súa responsabilidade e actúe con dilixencia para evitar que esta problemática se prolongue.

0.13187599182129