O BNG de Cervo pide que se reorienten as políticas de gasto
O BNG de Cervo manifesta a súa preocupación e desacordo polo "malgasto de cartos públicos que está a levar a cabo o goberno municipal do Partido Popular". "En 2024, o Executivo local gastou máis de 50.000 euros en alugueiro de carpas para actos e eventos festivos, unha cifra escandalosa que, debería dirixirse ás verdadeiras necesidades dos veciños e veciñas de Cervo, como a mellora dos servizos públicos ou o investimento en infraestruturas", di o voceiro nacionalista, Diego Fernández.
"A xestión destes cartos, resulta aínda máis alarmante se se ten en conta que o Partido Popular de Cervo pechou recentemente o Grupo Municipal de Emerxencias, formado por 12 profesionais de alta cualificación, cuxo traballo foi vital para a seguridade e o benestar de todos os habitantes do concello", engade, "este recorte, sen xustificación algunha, demostra claramente cales son as verdadeiras prioridades deste goberno municipal: o gasto en festas e eventos, ao tempo que recorta en servizos esenciais para a comunidade". “Ante situacións deste tipo o goberno municipal debe priorizar, e tén que priorizar loxicamente os servizos esenciais que se teñen que prestar á veciñanza” aseguran os nacionalistas.
Fernández afirmou que “non é de recibo que o goberno do Partido Popular antepoña o gasto en actos festivos á seguridade dos nosos veciños. O peche do Grupo de Emerxencias é un claro exemplo de como este goberno non ten como prioridade o benestar dos cervenses, senón a propaganda da súa mala xestión a través de actuacións que pouco contribúen ao desenvolvemento real do municipio. "
Dende o BNG esixen que se reorienten as políticas de gasto e que os cartos públicos se destinen ao verdadeiramente urxente e necesario: aumentar a seguridade e mellorar os servizos públicos. Non se pode permitir que o goberno municipal gaste miles de euros en carpas e outros actos festivos, mentres recortamos servizos que repercuten realmente na calidade de vida dos nosos veciños.
“Cervo necesita un goberno que traballe por e para as persoas, que aposte pola xestión responsable e que antepoña as necesidades dos cidadáns por riba dos intereses partidistas”, concluíron.