O BNG de Cervo e Xove presentan unha iniciativa conxunta para garantir a viabilidade de Alcoa en San Cibrao

Na mañá de hoxe, os grupos municipais do BNG de Cervo e Xove presentaron conxuntamente diversas iniciativas relacionadas coa situación da factoría de Alcoa en San Cibrao e anunciaron outras que teñen que ver tamén coa situación económica dos respectivos concellos e a xestión que ao respecto están facendo neles os gobernos municipais do Partido Popular.
Ademais, puxeron de manifesto a necesidade de retomar antigas iniciativas sobre a liberalización do dique norte de Morás, que conta con moitos acordos unánimes en moitas institucións e sedes parlamentarias e tamén a necesidade de reverter o inxusto reparto económico dos fondos para investimentos da Autoridade Portuaria San Cibrao-Ferrol, donde A Mariña sae prexudicada.
A especial dependencia dos concellos de Xove e Cervo da actividade económica na factoría é un dos temas que máis preocupa, tal como afirmou a edil xde Xove, Pilar Vázquez, que se referiu á situación delicada do concello de Xove polo tema do IAE, onde di, “o concello de Xove non sabe adaptarse á nova realidade, nin é capaz de artellar ningunha alternativa á situación”, declaracións ás que se suma o portavoz cervense, Diego Fernández.
Medidas urxentes para a factoría de Alcoa en San Cibrao
O pasado 21 de marzo, concelleiros e concelleiras do BNG de Xove, Cervo e do resto da Mariña, xunto co deputado no Congreso Néstor Rego, reuníronse cos traballadores da factoría, a petición destes, dada a complexa situación derivada do incumprimento do acordo asinado en febreiro de 2023 para dar viabilidade á planta, sobre todo no referido ao investimento acordado para a obra do forno de cocción de ánodos.
As propostas trasladadas polo comité ao BNG concrétanse nos seguintes puntos das mocións e iniciativas que se van presentar nos concellos e no Congreso dos Deputados, e que son: facilitar mediante a concesión de créditos ICO ou calquera outra forma de financiamento público, o investimento para o forno de cocción, así mesmo reclámase que Alcoa cumpra o acordo de viabilidade asinado cos traballadores e reclamar tamén que as administracións convoquen a mesa de seguimento do acordo de viabilidade coa periodicidade acordada e por último que a SEPI se faga cargo da factoría no caso de que Alcoa non cumpra co acordo de viabilidade.
Dique Norte de Alcoa
A multinacional Alcoa, explican os nacionalistas, ten o uso exclusivo do Porto de San Cibrao. Lembran que hai acordos de todas as forzas políticas en todas as institucións para a liberación do dique norte para usos comerciais, e insisten en que por parte de Portos de Galicia realizouse un Informe de Viabilidade da apertura do dique norte de San Cibrao-Morás ao tráfico comercial no que se demostra a viabilidade operativa, construtiva, de tráfico e económica.
Os nacionalistas de Cervo e Xove afirman non entender “as negativas de PSOE e PP cando tiveron ou teñen responsabilidades de goberno no Estado, a realizar as xestións oportunas ante a multinacional para acadar esta infraestrutura tan necesaria” e lamentan “ver como o alcalde de Xove apela á liberación e apertura do Dique Norte nos plenos da Deputación, tal como fixo no pleno de novembro de 2024, sen que faga nada máis ao respecto por liderar esa reivindicación de todo o concello e de toda a comarca” afirmou a portavoz nacionalista en Xove Pilar Vázquez.
Autoridade Portuaria de San Cibrao
Os nacionalistas incidiron novamente na necesidade da creación dunha Autoridade Portuaria propia para San Cibrao, pois lembran que Lugo é a única provincia marítima que non ten Autoridade Portuaria Propia.
“A Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, con sede en Ferrol, nútrese maiormente dos ingresos que xera o porto comercial de San Cibrao, pero os investimentos tanto no que corresponde ao Estado coma á propia Autoridade Portuaria non veñen para esta comarca, e se veñen son cantidades irrisorias”, explican.
“Desde o BNG consideramos que os beneficios que xera o porto de San Cibrao deben reverter no desenvolvemento económico da Mariña, e por iso pensamos tamén que a adaptación do dique norte para abrilo ao tráfico comercial sería unha boa oportunidade para resarcir ao porto e á comarca de tantos anos de déficit en investimentos polo que é necesario reverter esa situación anómala e inxusta e para iso consideramos necesario e urxente crear a Autoridade Portuaria de San Cibrao vinculada á nosa provincia marítima”, afirmou o portavoz do BNG en Cervo, Diego Fernández, quen reprochou tamén ao Partido Popular de Cervo e de Xove “o seu nulo interese neste tema, máxime cando os alcaldes destes dous concellos levan anos sentados no consello de administración da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao pero sen abrir a boca en favor da Mariña, pregándose sempre aos intereses de Ferrol e do Partido Popular”, concluíu o edil nacionalista.