O BNG de Cervo critica os orzamentos para este ano e a falta de actividades durante o ano
O BNG de Cervo vén de criticar os orzamentos do Concello para este ano e que cuxa cifra ascende a 8.374.551,77 euros pois "resumen de ser unhas contas de gran contido social, cando en realidade non son máis cunha repetición das anteriores co engadido dun incremento do 250,86%! en obras”.
Diego Fernández, vocerio municipal, dixo que "houbo que esperar o mes de agosto para que o PP local preséntase unha alternativa á anómala situación de permanecer a estas alturas coas contas prorrogadas do ano anterior".
"Tres anos e pico de abandono, desorganización, ausencia total de planificación e/ou iniciativas de calado que produzan riqueza para o Concello; tres anos sen facer nada para utilizar os cartos de todos a última hora en pequenas obras con foto para a prensa. Ese é o seu único proxecto para Cervo, o único que sabe facer o PP de Cervo cos cartos desde hai moitos anos: propaganda e redes clientelares", engade Fernández.
"Somos o Concello máis rico de Galicia... e de que nos serve?, o PP elude a súa responsabilidade e non orzamenta cartos para infraestruturas nin servizos; a asistencia social, urbanismo, defensa das parroquias, iniciativas culturais, ecolóxicas, de promoción industrial... ", prosegue o voceiro nacionalista.
Así mesmo o cervense di que a programación cultural "é carente de planificación e continuidade durante o ano, mediocre, desorganizada...", e engade que "non hai ciclos de conferencias, teatro estable, carecemos de algún festival ou evento cultural de importancia e a promoción cultural redúcese a algún que outro vídeo nas redes"
Por último concluiu dicindo que "non foron capaces nin tan sequera de celebrar o centenario de Isaac Díaz Pardo, fillo predilecto de Cervo, e o seu recordo e homenaxe están totalmente proscritos no PP cervense, non vaia ser que se enfade o actual patrón de Sargadelos e peche a billa dos enchufes e favores".