O BNG de Cervo asegura que recuperar o Castro da Atalaia custará 320.000 euros

TerraChaXa | AMariñaXa
O BNG de Cervo explicou estes días que a recuperación do Castro da Atalaia terá un custe de máis de 320.
10 Mar 2019
O BNG de Cervo explicou estes días que a recuperación do Castro da Atalaia terá un custe de máis de 320.000 euros debido a que "o goberno municipal fixo caso omiso dunha orde da Consellaría de Cultura para paralizar a destrución do xacemento, e o recurso do concello contra a súa catalogación".
Foi o BNG de Cervo, xunto coa veciñanza, quen comunicou ás autoridades de Patrimonio e freou a destrución do Castro da Atalaia mentres o goberno local se deixaba levar engaiolado polo delirio urbanístico deses anos.
Segundo aseguran, un total de 320.417 euros vai ser o custo para a veciñanza de Cervo de dar a volta "ao que foi unha decisión do goberno local do PP: outorgar en novembro e decembro de 2006 e abril de 2007 licenzas a unha promotora para construír 100 vivendas na zona da Atalaia en San Cibrao malia saberen da existencia dun xacemento arqueolóxico moi importante, que primeiro negaron e despois colaboraron en destruír en parte ao dar 4 días de marxe ao promotor para que o esbandallase mentres o alcalde gardaba nun caixón do concello a orde de Patrimonio para paralizar a desfeita".
Ibán Sánchez, concelleiro nacionalista, lembrou que “as licenzas de construción na Atalaia non debían terse concedido nunca atendendo ás evidencias documentadas no PXOM de Cervo que recollía a existencia dun asentamento galaico-romano na zona”, un documento que foi remitido á Xunta en 2004 e por tanto tiña carácter formal, algo que o goberno municipal do que formaba parte Villares obviou 2 anos despois ao conceder as licenzas de construción. A decisión do goberno local para que nesa zona se construísen preto de 100 vivendas foi tan firme que mesmo chegaron a facer caso omiso durante catro días a unha orde de Patrimonio que requiría a paralización das escavacións da promotora que esbandallaron 1000m2 do castro entre os días 4 e 8 de xuño de 2007. “Tampouco foi proclive á conservación do xacemento a decisión do goberno municipal do que Villares formaba parte, de presentar recurso contra a catalogación e inventariado do Castro da Atalaia mediante escrito do 26 de xullo de 2007 dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio”, afirmou Sánchez, quen sostén que “todos os pasos dados polo goberno municipal parecían estar dirixidos polos intereses da inmobiliaria e non polo interese público.”
Foi o BNG, coa axuda da veciñanza, quen primeiro alertou da destrución do “cuncheiro” do castro nunhas obras que executaba o propio concello tempo antes de concederen as licenzas. Foi tamén o BNG quen denunciou que a concesión de licenzas nesa área tería consecuencias irreparábeis no xacemento. Foi tamén o BNG quen en xuño de 2007 alertou a Patrimonio da desfeita do xacemento e quen de inmediato notificou ao concello a necesidade de parar as obras de remoción de terras que executaba a promotora inmobiliaria. E foi finalmente o BNG, coa axuda inestimábel da veciñanza, quen tivo que frear a saída de camións ante o desleixo do goberno local que tardou 4 días en comunicar ao promotor a orde de paralización coa consecuencia de esbandallar máis de 1000m2 de castro que nunca se recuperarán, diga o que diga agora actual alcalde cervense.
José Manuel Balseiro e Antonio Basanta, dúas persoas con altas responsabilidades na Xunta, defendían en 2008 que a Xunta asumise a compra dos terreos da Atalaia. Hoxe a veciñanza de Cervo, co mesmo goberno que apoian Balseiro e Basanta, terá que pagar do seu peto máis de 300.000 euros para intentar darlle a volta a un despropósito causado, entre outros, por estes altos cargos que nunca asumiron responsabilidade por tal desfeita.
Para o BNG de Cervo, Villares, que naquel momento era Tte. Alcalde, é responsábel, xunto co resto da Xunta de Goberno Local naquel momento, da destrución do patrimonio cultural cervense por omisión do seu deber de protexelo e mesmo por colaborar na súa destrución. Daquela Xunta de Goberno, xunto con Villares, seguen tendo responsabilidades políticas José Manuel Balseiro, Antonio Basanta, Pilar Armada, e non esquecemos ao ex-alcalde, José Insua, como máximo responsábel daquel atentado contra o patrimonio cultural colectivo.
0.19304299354553