O BNG de Burela propón que o mercado semanal sexa nas prazas do Concello e da Mariña
O BNG vén de presentar polo rexistro do Concello de Burela unha solicitude para que se convoque a xunta de portavoces e tratar nela as diversas demandas feitas pola ACIA local. O voceiro do grupo municipal do BNG, Mario Pillado, sinalou que “tivemos varias xuntanzas co colectivo de comerciantes no que nos fixeron chegar as súas demandas en relación con diferentes temáticas pero sobre todo fixéronnos moito fincapé na posibilidade dun cambio de localización para o mercado semanal”.
Continuou Pillado dicindo que “o certo é que cando se mudou a súa situación, nos entendemos que se trataba de algo provisional por mor do Covid e insistímoslle ó goberno local que debía sentarse a escoitar os colectivos afectados e chegar a unha solución que fose a mais axeitada. Agora a nosa proposta, a única seria e en firme que se fixo ata o de agora, é que os técnicos municipais informen sobre a viabilidade de levar o mercado semanal ás prazas do Concello e da Mariña, evitando así problemas cos veciños e ata que o goberno atope unha situación definitiva”.
Para o voceiro do BNG “esta problemática non é nova, xa existía antes do Covid; a localización do mercado semanal levaba tempo en cuestión e xeraba controversia entre a veciñanza. O alcalde e o seu equipo deixaron pasar unha oportunidade de case dous anos para traballar nese ámbito e atopar solucións, ignorando as nosas propostas coma de costume. Era previsible que agora este tema volvera á actualidade municipal e resulta bastante elocuente que sexamos nos quen solicita unha xunta de portavoces para tratar o tema, algo que debera ter feito o señor Llano dende fai tempo”.