O BNG de Burela pide á Xunta que asuma as súas competencias no municipio

AMariñaXa
O Grupo Municipal do BNG presentou no Pleno ordinario do Concello de Burela celebrado o xoves 1 de febreiro unha moción encamiñada a esixir da Xunta de Galicia que cumpra coas súas lexítimas competencias.
2 Feb 2024

O Grupo Municipal do BNG presentou no Pleno ordinario do Concello de Burela celebrado o xoves 1 de febreiro unha moción encamiñada a esixir da Xunta de Galicia que cumpra coas súas lexítimas competencias.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade en Burela, Sandra Fernández Cillero sinalou que “a lei obriga á Administración Xeral do Estado e ás Comunidades Autónomas a financiar integramente este servizo pero a realidade que temos no noso concello, onde non para de medrar o servizo é que entre as outras administracións financian 12 €/h, mentres que nos traballamos cuns custes no servizo de aproximadamente 20 €/h. Esta situación obríganos a consignar uns 600.000 euros nos orzamentos municipais.

O tenente de alcaldesa e portavoz municipal do BNG, Mario Pillado engade que “temos outros servizos como Atención Temperá, a Unidade Asistencial de Drogodependencias ou as Escolas Infantís que representan tamén competencias impropias. Os dous primeiros deberan ser asumidos polo Sergas e supóñennos atrancos a nivel de contas e contratación. No caso das Escolas Infantís vemos como a Xunta implantou a gratuidade da educación de 0 a 3 anos, pero mantén o copagamento ós concellos. É dicir, fináncialle o servizo ós centros privados pero obriga ós concellos coma o de Burela a seguir co copagamento”.

Fernández Cillero cre que a xunta tenta sacar beneficio electoral a costa dos usuarios e dos concellos.

Sandra Fernández continuou dicindo que “estes exemplos de servizos de competencia non municipal supoñen dos fondos propios do concello segundo os Orzamentos municipais en torno ó millón de euros das veciñas e dos veciños de Burela que poderían ser dedicados a competencias propias do concello e que, pola contra, hai que dedicar a financiar competencias da Xunta de Galicia”

Por último a Sandra Fernández, finalizou que “no caso do Servizo de Axuda no Fogar é especialmente abusivo pois a Xunta do PP está a xogar cos usuarios con anuncios de marcado carácter electoralista e unilateral coma o do Bono Social, que implica mais traballo para os técnicos do equipo de servizos sociais que xa teñen traballo abondo e non presenta unha solución real para as familias”

0.18502187728882