O BNG de Burela denuncia irregularidades na contratación de profesorado da Escola de Música

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Segundo o BNG de Burela o Concello está a contratar profesorado da Escola de Música de forma encoberta.
27 Feb 2020

Segundo o BNG de Burela o Concello está a contratar profesorado da Escola de Música de forma encoberta. Un informe da Intervención Municipa recolle información contable que é contrastada coa Secretaría Municipal, detallando minuciosamente distintos informes da dirección da escola, da concellaría de cultura e da propia alcaldía, dos que se desprende que "o Concello estivo pagando periodicamente facturas en concepto de docencia en distintas especialidades instrumentais a unha empresa externa sen contrato de obra menor e en contra do regulamento da Escola de Música municipal", din os nacionalistas.

No citado informe, "figuran catro facturas por un importe total 18.880,36 euros en concepto de docencia nas seguintes especialidades: saxofón, piano, percusión, canto, violonchelo, guitarra e óboe, con data de setembro, outubro, novembro e decembro de 2019", e  para o portavoz municipal do BNG, Mario Pillado, trátase dun informe “moi rigoroso e moi ben documentado no que se detalla pormenorizadamente como se está a contratar profesorado nas especialidades instrumentais facturadas, concluíndo que se está a incumprir o Regulamento de funcionamento da Escola de Música, así como a Lei de Contratos do Sector Público (LCSP), sendo que se está a prestar unha parte do servizo mediante xestión indirecta sen ningún tipo de contrato que a sustente”. 

Pillado engadiu que “a contratación de profesorado de distintas especialidades instrumentais non só está a facerse sen a oferta pública de emprego preceptiva, senón que se están a pagar facturas sen a correspondente tramitación de expediente de contratación de obra menor para a impartición de docencia nas especialidades facturadas. O referido informe vai máis alá e sinala que “existen indicios de fraccionamento do contrato por ser que se presentan facturas no mesmo día ou en tempos distintos pero periodicamente que no seu conxunto superan os límites do contrato menor, incumprindo o previsto na LCSP”. 

A Intervención Municipal conclúe neste documento que “se está a realizar unha parte do servizo mediante unha xestión indirecta para a cal non consta contrato, que supera o período de un ano, tratándose dun gasto periódico e repetitivo” e que neste caso “a figura do contrato menor non resulta de aplicación aos contratos de concesión de servizos públicos, de xeito tal que a xestión indirecta dun servizo público require da tramitación do correspondente procedemento de licitación”. 

Os nacionalistas adiantaron que xa rexistraron solicitude para analizar toda a documentación obrante no expediente e que non quedará un só documento sen revisar, desde facturas a informes da dirección da escola, concellaría de cultura e informes da alcaldía, pasando por toda a documentación emitida polos servizos xurídicos do Concello a este respecto. 

Neste senso, Pillado adiantou que o BNG presentará “unha batería de preguntas para a súa contestación en pleno e non descartamos outras medidas como unha auditoría externa ou mesmo emprender accións legais, se chegado o momento o consideramos oportuno”. 

Os nacionalistas responsabilizan a Llano e José Díaz dunhas contratacións opacas á marxe da lei e que foron realizadas a dedo a proposta da propia dirección da Escola de Música. “Exixiremos as responsabilidades políticas que consideremos oportunas, pois todo apunta a que estamos diante duns feitos moi graves”, concluíu Pillado.

0.21651005744934