O BNG de Burela critica ao PP por “desprestixiar” o labor municipal en servizos sociais

O BNG de Burela saíu ao paso das críticas formuladas polo Partido Popular en materia de política social. A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Sandra Fernández Cillero, lembrou que os datos de gasto social por habitante aos que se referiu o PP “corresponden á diferenza entre 2022 e 2023, xusto cando o BNG chegou ao goberno local”. Engadiu que dous concellos da Mariña situados por debaixo de Burela nesa clasificación “son precisamente Cervo e Ribadeo, gobernados polo Partido Popular”.
Fernández subliñou que o Servizo de Axuda no Fogar é competencia da Xunta, mais esta “optou por desprenderse desa responsabilidade, trasladándoa aos concellos, que se ven obrigados a afrontar graves dificultades tanto na contratación de persoal como no financiamento”. A edil explicou que a achega autonómica non cobre os custos reais e recordou o anuncio do PP de Burela, feito en febreiro de 2024, sobre un incremento do 15 % na achega: “Seguimos agardando esa suba, que sería positiva pero insuficiente”.
A concelleira nacionalista destacou tamén o esforzo do Concello en servizos impropios que deberían depender da Xunta. “A Unidade de Atención Temperá, pioneira na Mariña e que atende a oito concellos, ou a Unidade de Drogodependencias son dous exemplos claros do compromiso real deste goberno municipal co benestar das persoas”, afirmou.
En paralelo, o voceiro do BNG, Mario Pillado, expresou sorpresa polas declaracións dos populares. “Non se entende como se pode tentar desprestixiar así á nosa vila e a colectivos que traballan de forma desinteresada. O Osa do Mar e Fanto Fantini son festivais que representan a Burela e que contan co respaldo da veciñanza”, manifestou.
Pillado engadiu que o BNG estaría disposto a traballar conxuntamente co PP para reclamar á Xunta que asuma as súas competencias en servizos sociais e impulsar, en convenio co Estado, a rehabilitación da antiga Casa do Mar para convertela nun gran centro social. “Cando en febreiro de 2024 poideron votar a favor dunha iniciativa nosa que recollía todo isto, votaron en contra. Non se posicionaron contra o BNG, senón contra Burela, como fan habitualmente; é unha mágoa”, concluíu.