O BNG de Barreiros reforzou a candidatura coa incorporación de cinco persoas de diversos perfís

AMariñaXa
O BNG en Barreiros reforzou a candidatura para as municipais de maio coa incorporación de cinco persoas de diversos perfís
FOTO CANDIDATURA 2023 BNG BARREIROS
9 Abr 2023

O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros reforzou a candidatura para as municipais de maio coa incorporación de cinco persoas de diversos perfís que “contribúen a ter un grupo diverso, representativo e con novas visións e propostas para o concello”, explica Ana Ermida.

A actual alcaldesa e candidata á reelección manifestou o “orgullo de seguir ampriando o grupo que apoia a candidatura do BNG en Barreiros, porque con estas cinco incorporacións gañamos en solvencia, ideas e diversidade; xa que se suman a todas as persoas que xa formaron parte da nosa candidatura hai catro anos e as que, sen aparecer nunha lista electoral, colaboran na preparación da campaña e nas ideas de goberno.”

O BNG volve presentar unha lista de vinteunha persoas -o máximo permitido para o seu concello- que “demostra a fortaleza do proxecto que o BNG comezou a implantar desde o goberno hai catro anos e que continuaremos a desenvolver despois do 28 de maio, cun grupo de traballo máis amplo e con novas ideas para poñer en marcha.”

A candidatura, que se autodenomina continuísta do proxecto que se está a iniciar en Barreiros, repite os primeiros postos e inclúe ao economista de San Miguel, Suso Díaz, como número 6. Manifestan así a aposta por incluír persoas con ampla experiencia en xestión e representación pública, que poidan aportala para combinar coas novas incorporacións que poida haber no futuro goberno municipal.

O sétimo posto ocúpao Ofelia Cebrián, mestra de San Cosme e actualmente residente en San Miguel. E o número 8 estará ocupado por Ana López, que se incorpora por primeira vez ás filas do BNG.

Novas incorporacións para un BNG fortalecido e diverso. 

Ana Ermida explica que nesta ocasión quixeron incluír novos perfís de persoas que demostran o seu amor por Barreiros e por un proxecto no que ninguén queda atrás. “Por iso apostamos por perfís de mulleres novas, diversas, con orixes distintas, pero ás que as unen as ganas de que Barreiros continúe avanzando e sexa un espazo máis plural, inclusivo e igualitario.”

Entre as novas incorporacións destaca tamén a presenza, pechando a lista de persoas titulares, de Carlos Fernández Fraga, médico xubilado recentemente que reside en San Miguel de Reinante.

As mulleres que reforzan a proposta nacionalista son Ana López, de Vilamartín Grande e traballadora do sector servizos; Soraya García, de San Cosme, actualmente veciña de Benquerencia, e mestra; Jenny Cancio, de Vilar -San Cosme- e mestra e Mina Selouane, veciña de San Cosme e traballadora do sector servizos.

 

Un proxecto para continuar facendo un Barreiros máis participativo, igualitario e inclusivo. 

Ana Ermida agradeceu o apoio e a implicación de todas as persoas que conforman a candidatura e tamén das que cederon o paso para incorporar a novas persoas, “o que demostra que o proxecto do BNG é un proxecto vivo, en ascenso, que segue colleitando apoios e que está conformado por persoas altruístas, solidarias e cun compromiso exclusivo con este concello e con continuar converténdoo nun lugar mellor para vivir.”

A candidata nacionalista amosouse “orgullosa de contar con tanta xente disposta a poñerse mans á obra para seguir construíndo un Barreiros mellor, desenvolvendo a cimentación que comezou a colocarse nestes catro anos nos que xa se puideron ver cambios e avances.”

Anunciou igualmente que están a traballar na elaboración do programa electoral que se centrará en continuar e desenvolver o traballo xa iniciado nestes catro anos, baseándose na participación e a transparencia, no dinamismo social e económico, nos servizos para as persoas e na igualdade; “eixos sobre os que xa pivotaron as actuacións dos pasados catro anos e sobre os que continuaremos a apoiar as accións de goberno que se executen en Barreiros”, concluíu.

 

Candidatura do BNG Barreiros para as municipais de maio 2023

 

1.- Ana Ermida Igrexas, alcaldesa.

2.- Antonio Veiga Outeiro, concelleiro de facenda e obras.

3.- Montse Porteiro Sánchez, concelleira de igualdade, educación e saúde pública.

4.- Dámaso Ratoeira Basanta, concelleiro de medio ambiente e rural.

5.- Dani García Fernández, concelleiro de dinamización e participación veciñal.

6.- Suso Díaz Blanco, economista. San Miguel de Reinante.

7.- Ofelia Cebrián Paz, mestra. San Cosme de Barreiros, veciña de San Miguel de Reinante.

8.- Ana López Pérez, traballadora do sector servizos. Vilamartín Pequeno.

9.- Soraya García Díaz, mestra. San Cosme de Barreiros, veciña de Benquerencia.

10.- Miguel Vilar Rego, gandeiro. A Insua.

11.- Carlos Fernández Fraga, médico xubilado. San Miguel de Reinante

12.- Jenny Cancio García, mestra. Vilar, San Cosme de Barreiros.

13.- Diego Vizoso Castro, mecánico. Benquerencia

14.- Saray López Rocha, traballadora da hostelería e gandeira. San Miguel de Reinante

15.- Carlos Baamonde Bermúdez, profesional da hostelería e opositor a profesor. San Miguel de Reinante.

16.- Mina Selouane Selouane, traballadora do sector servizos. San Cosme de Barreiros.

17.- Pedro Villar Rodríguez, torneiro-fresador. San Cosme de Barreiros, veciño de Benquerencia.

18.- Belén Fernández Soto, mestra. San Miguel de Reinante.

19.- Xoán Manuel Díaz Branco, sindicalista e músico. San Miguel de Reinante.

20.- Cándido Álvarez Veiga, gandeiro xubilado. A Rilleira.

21.- Gloria Pérez Rodríguez, xubilada do sector servizos. Vilamartín Grande.

0.2319610118866