O BNG da Mariña renova a súa dirección e define as súas prioridades para os vindeiros anos

AMariñaXa
A organización nacionalista constituíu os seus órganos de dirección comarcais
BNG-mariña-2025
1 Feb 2025

O BNG da Mariña constituíu os seus órganos de dirección comarcal tras o proceso da asemblea nacional celebrada en decembro. A nova Executiva Comarcal estará encabezada por Antonio Veiga Outeiro como responsable comarcal e Iria Cotelo Cociña como vicerresponsable, acompañados por Mario Pillado Mon, Montserrat Porteiro Sánchez, Daniel Castro García, Francisco Xavier Fanego Bermúdez, Ana Ermida Igrexas, Xorxe Caldeiro Díaz e Miriam Bermúdez García. Ademais, o Consello Comarcal contará con outros 25 membros que representan os distintos concellos da Mariña.

No Consello Nacional do BNG, máximo órgano entre asembleas, tamén estarán Ana Ermida Igrexas, Daniel Castro García, Iria Cotelo Cociña e Antonio Veiga Outeiro en representación da comarca.

Na súa primeira sesión do ano, celebrada este sábado, o BNG analizou a situación da comarca e estableceu as súas liñas de traballo para os próximos meses, tendo en conta tamén as eleccións municipais de 2027. O responsable comarcal, Antonio Veiga, afirmou que “van ser dous anos intensos, onde A Mariña se xoga moito, tanto no seu conxunto como concello a concello. O BNG está preparado, con moitas ganas e con novas incorporacións para afrontar todos os retos que a comarca ten por diante”. Pola súa banda, Iria Cotelo destacou que, a pesar dos numerosos problemas da comarca, “somos positivos porque na Mariña hai xente loitadora e porque notamos unha gran corrente de simpatía e ilusión arredor de nós que medra día a día”.

As principais liñas de traballo que marcarán a axenda do BNG na Mariña nos próximos meses céntranse no apoio aos sectores produtivos da comarca; a mellora da sanidade e dos servizos sociosanitarios, a aposta por unhas infraestruturas adecuadas para o desenvolvemento da comarca, a reactivación industrial e económica, coa creación dun plan específico para A Mariña, xa presentado no Parlamento e a vivenda, un tema prioritario tanto a nivel comarcal como nacional.

Como integrante da plataforma Queremos Galego, o BNG da Mariña participa activamente nos actos previos á gran manifestación en defensa da lingua galega, que terá lugar o 23 de febreiro en Santiago de Compostela. Ademais, celebraranse en varias localidades da comarca diversos actos relacionados co Ano Castelao, baixo o título "Castelao, Nacionalista Galego".

Outro dos temas que abordarán nos vindeiros meses será o Concerto Económico, que será tratado en diversas charlas informativas na comarca.

Con este novo equipo e as súas liñas de actuación definidas, o BNG da Mariña prepárase para dous anos de intenso traballo coa vista posta na defensa dos intereses da comarca e nas eleccións municipais de 2027.

0.16176509857178