O BNG da Mariña iniciou en San Cibrao a campaña en defensa da atención primaria

AMariñaXa
O BNG da Mariña iniciou en San Cibrao a campaña en defensa da atención primaria co apoio de varias plataformas
plataforma sanitaria san cibrao 9 setembro 2022
10 sep 2022

O BNG da Mariña iniciou en San Cibrao a campaña en defensa da atención primaria co apoio a ILP promovida por SOS Sanidade Pública, e pola Plataforma Sanitaria da Mariña.

"A sanidade pública de todo o país está a pasar por un dos peores momentos con múltiples problemas tanto na atención hospitalaria, coma  na atención primaria. Como é sabido, as políticas sanitarias do Partido Popular levaron a esta situación que  se fai notar, e dun xeito moi acusado na nosa comarca, na Mariña", din dende o grupo nacionalista da Mariña.

Desde o ano 2009, "a sanidade mariñá vén sufrindo diferentes recortes e redución de servizos que se viron acentuados coa supresión da Área Sanitaria da Mariña en 2017. Este foi o punto de inflexión que marcou un antes e un despois na calidade da sanidade pública mariñá. Mais co paso dos anos a situación empeorou dun xeito dramático levando a que a sanidade mariñá estea rozando o colapso, tanto no Hospital de Burela como nos Centros de Saúde da maioría dos concellos da comarca", engaden dende o BNG.

Esta realidade levou a grandes mobilizacións e protestas por parte de toda a cidadanía, dos e das profesionais sanitarios e da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña que ano tras ano seguen enchendo as rúas e os formularios de queixas. “Estamos ante un goberno do PP cruzado de brazos, que non está dando solucións aos grandes problemas que están condicionando a vida da xente, e aí está a asfixia da sanidade pública tras trece anos de recortes e privatizacións, e vemos cada día un novo exemplo de deterioro da sanidade pública” afirmou o deputado Daniel Castro, que tamén se referíu á necesidade  de incrementar nun 2,2% os recursos destinados á atención primaria nos próximos orzamentos da Xunta para acadar un mínimo de 200 millóns de euros

Do mesmo xeito, o responsable comarcal Antonio Veiga afirmou que  “no Hospital da Mariña, no que aumentan os metros cadrados e diminúen os servizos, segue a incrementarse día a día as derivacións ao HULA, polo que os e as mariñás ven reducidos progresivamente os servizos que teñen dereito a ter e coa agravante de que temos a atención primaria na comarca ao borde do colapso nos centros de saúde. Non podemos permitir que o PP siga xogando coa nosa saúde” cocluíu.

Durante os meses de setembro e outubro, o BNG, realizará recollida de sinaturas en apoio desta ILP en todas as localidades e centros de saúde da comarca, actos informativos e mobilizacións.

0.12274384498596